Navantia facturou 1.785 millóns de euros en 2020, un aumento de 9%

As previsións da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) para este exercicio son de aumentar a facturación en 32% respecto a 2020. 
Plataforma construída en Navantia Fene (Navantia)
photo_camera Plataforma construída en Navantia Fene (Foto: Navantia)

O ano 2020 rematou moi ben para as arcas de Navantia. A empresa estatal tivo unha importante mellora operativa nos últimos exercicios, cun incremento de case 9% na cifra de negocios de 2019 e 2020.

Ademais, segundo o vicepresidente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), Bartolomé Lora, a previsión é que para este exercicio sexa de 32% respecto a 2020. 

En relación coa carteira de negocios, fundamentan a boa marcha da empresa no contrato das cinco fragatas F-110, o importante avance no desenvolvemento do programa dos submarinos S-80 e a autorización do gasto para a construción do futuro buque de acción marítima (BAM)

A maior parte dos investimentos previstos para o ano que vén, segundo a SEPI, destinaranse á incorporación de novas tecnoloxías vinculadas ás fragatas F-110, aos submarinos  S-80, ao BAM para a Armada española e aos buques destinados ás Armadas de Australia, Turquía e Arabia Saudita.

En todo caso, non se anunciou, até o momento, nova carga de traballo para o estaleiro co que conta Navantia en Fene.

Falta de carga de traballo 

As previsións optimistas nas contas de resultados da compañía non coinciden coa situación que agarda o cadro de persoal da empresa e das súas auxiliares para o ano 2021.

Moitas destas últimas xa executaron despedimentos pola falta de carga de traballo e desde os sindicatos continúa a petición urxente de contar con máis encargos até o inicio da construción das fragatas F-110 para a Armada española, sen esquecer outras actuacións como a creación dun dique cuberto e un taller de subloques que acheguen "competitividade" ao estaleiro. Este foi un dos motivos das protestas que se realizaron o mes pasado.

Comentarios