A Xunta declara "ambientalmente viábel" o parque eólico de Naturgy na antiga central de Meirama

Parque eólico de Naturgy na Pastoriza, na comarca da Terra Chá. (Foto: Europa Press)

A documentación achegada pola empresa recolle diversas afeccións á fauna e o medio natural e o Concello de Cerceda alertara da "escasa" distancia dalgúns aeroxeradores ás vivendas.

Naturgy dá un paso crucial na súa aposta pola enerxía eólica nos terreos da antiga central de Meirama, en Cerceda. Esta sexta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG) dá conta da emisión, o pasado 28 de outubro, da declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico homónimo. A Consellaría de Medio Ambiente considera o proxecto, deste modo, "ambientalmente viábel".

Segundo consta no documento, consultado por Nós Diario, a proposta final da enerxética consiste na instalación de dez aeroxeradores de 4,45 megawatts (MW) de potencia nominal unitaria, polo que a potencia total instalada sería de 44,5 MW.

"O proxecto sitúase na contorna das instalacións ligadas á explotación mineira e á central térmica de Meirama, así coma o complexo medioambiental de Sogama polo que se trata dunha área moi antropizada pola actividade industrial, conformada por áreas sometidas a procesos de restauración como as entulleiras, onde se desenvolven zonas de prados e cultivos con extensións de matogueiras e masas de especies arbóreas como eucaliptos, piñeiros e caducifolias autóctonas, ou a propia mina a ceo aberto, actualmente convertido en lago artificial", recolle a DIA.

Na área de estudo do proxecto, tal e como recolle a propia documentación achegada pola promotora, confirmouse a presenza de varias especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) coas categorías de "vulnerábel" e de "perigo de extinción".

Así, no referido ao primeiro caso estarían o invertebrado Geomalacus maculosus; o peixe Gasterosteus gmnurus; os anfibios Chioglossa lusitanica, Discoglossus galganoi, Rana temporaria, Hyla arbórea e Rana iberica; as aves Circus pygargus e Scolopax rusticola; e os morcegos Rhinolophus ferrumequinum e Rhinolophus hipposideros.

E nunha situación de extrema vulnerabilidade, catalogados como "en perigo de extinción", estarían as aves Milvus milvus, Vanellus vanellus, Gallinago gallinago e Numenius arquata. A este respecto, a dirección xeral de Patrimonio Natural da Xunta defende que "non é previsíbel atopar parellas nidificantes de Vanellus Vanellus nin de Numenius Arquata nesta zona".

Aliás, a superficie na que se instalará a subestación do parque eólico atópase "parcialmente dentro" da reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo, na súa zona de "transición", segundo admite a DIA do proxecto, que tamén afectaría dúas zonas húmidas —encoros de Pumariño e Vilasenín— incluídas no Inventario de Humidais da Galiza.

Máis de 640 particulares e oito asociacións de ámbito ecoloxista, así como o Concello de Cerceda, presentaron senllas alegacións ao proxecto. Parte delas, sostén Medio Ambiente, "non revisten carácter ambiental", ao estaren relacionadas con cuestións como "bens e dereitos afectados, afección económica ás explotacións forestais e agro-gandeiras e retorno social, expropiacións de terreos, seguridade industrial, Plan sectorial eólico, fragmentación do proxecto, aspectos urbanísticos".

Nas súas alegacións, o Concello de Cerceda alertara de que catro dos muíños ficarían, na práctica, a unha distancia das vivendas "inferior" aos 500 metros que marca a lei, ao tempo que puña o foco en que esta distancia, se ben legal, podería resultar insuficiente, pois cando se estabeleceu en 1997 "non se pensaba en aeroxeradores destas dimensións".