A central de Meirama leva dous anos agardando polas alternativas industriais

Naturgy solicitou o fechamento da térmica de Cerceda en 2018, que se fixo efectivo o 30 de xuño de 2020.
Os traballos de desmantelamento comezaron este ano coa desmontaxe dos equipos principais da central térmica de Naturgy. (Foto: JB)
photo_camera Os traballos de desmantelamento comezaron este ano coa desmontaxe dos equipos principais da central térmica de Naturgy. (Foto: JB)

O 30 de xuño de 2020, a central térmica de Meirama (Cerceda) botaba o feche após 40 anos de actividade. Os altos prezos do CO2 e as limitacións á produción de enerxía a partir de carbón levaron Naturgy, a súa propietaria, a solicitar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica o cesamento da actividade a finais de 2018.

Dous anos despois do feche, poucas cousas teñen mudado na antiga central térmica. Segundo fontes da empresa consultadas por Nós Diario, desde entón realizáronse algunhas tarefas de desmantelamento que non tiveron repercusión de portas a fóra. En concreto, a finais de 2021 a eléctrica comezou o proceso coa limpeza das instalacións para, xa este ano, acometer traballos de despezamento dos equipos principais e o desmantelamento dos tanques de almacenamento de fuel e gasóleo.

Estes traballos decorreron no interior da central, polo que non afectaron ao que é o aspecto exterior da térmica, que aínda agarda por tarefas cun maior impacto na contorna, sobre todo a nivel paisaxístico, como son a desmontaxe da cheminea, de 200 metros de altura e 18 metros de diámetro na súa base, ou da torre de refrixeración, na que aínda loce o debuxo realizado por Greenpeace nunha acción na que exixía a fin da produción de enerxía con carbón.

Todos estes traballos suporán, segundo o informe de impacto ambiental publicado no seu día polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, a xeración de 131.745 toneladas de residuos.

Alternativas industriais

Se no exterior da central non hai movemento, tampouco o hai na procura de alternativas industriais na zona. A propia Naturgy anunciara xa en 2019 os seus plans, que comprometían un investimento próximo aos 80 millóns de euros para levantar dous parques eólicos na zona ─cunha forte oposición da veciñanza pola proximidade dos muíños ás casas─ e un centro de gas renovábel.

Os parques eólicos, dous proxectos independentes que suman unha potencia instalada de 70 megawatts (MW), están en tramitación, mais nada se sabe do centro de gas renovábel, que aproveitaría residuos gandeiros e orgánicos industriais (lácteos, pesqueiros, conserveiros, etc) para a producir biogás, cunha capacidade estimada de 4 millóns de metros cúbicos anuais.

No último ano, a eléctrica puxo sobre a mesa unha planta de hidróxeno verde para Meirama, que aproveitaría a enerxía dos parques eólicos para a obtención do gas, mais ningún destes proxectos chegou a concretarse. Outro dos piares do plan de fechamento eran a formación e a inserción laboral. A compañía deseñara un plan para as 77 persoas que traballaban na central, que contemplaba a recolocación  de boa parte delas e saídas pactadas para o resto.

Para o das auxiliares, Naturgy comprometérase a priorizalos nos traballos de desmantelamento da planta, o que suporía incrementar o emprego "durante os dous próximos anos, en tanto os proxectos de desenvolvemento económico e industrial acadan a súa madurez", apuntaba a compañía en 2020. Porén, os dous anos pasaron e nin uns nin outros mudaron a realidade do emprego na zona.

Os proxectos alén de Naturgy, á espera de ver a luz

Na contorna da central e ao calor dos fondos Next Generation e aos de Transición Xusta, xurdiron varios proxectos empresarias que polo de agora non pasaron do papel. Algúns  buscan aproveitar a capacidade de evacuación de enerxía á rede da que dispuña a térmica. Un deles, impulsado por Capital Energy, empresa que ten asinado un preacordo de venda de enerxía a longo prazo con Alcoa, consistiría nunha central hidroeléctrica reversíbel que aproveitaría o caudal do lago que ocupa os terreos da antiga mina de lignito que subministraba carbón á térmica.

Tamén transcendeu outro proxecto similar impulsado pola firma Tasga Renovábeis, que ten na Presidencia a sociedade Control y Gestión de Acciones, controlada por José Luis Suárez, presidente da construtora galega Copasa e que agarda polo ditame de Augas da Galiza.

Comentarios