A multinacional gala Havas adquire a consultora Acento, a empresa liderada por José Branco e Alfonso Alonso que impulsou Altri
Havas Media Group, unha das axencias de medios de comunicación máis grandes do mundo, acordou a compra de Acento Publics Affairs, a consultora empresarial e política cuxas cabezas visíbeis son José Branco, ex ministro socialista de Fomento, e Alfonso Alonso, ex ministro popular de Sanidade.
Desta maneira, a multinacional gala, que tamén é accionista de Prisa, o grupo de comunicación matriz de medios a emisora Cadena Ser ou o xornal El País, faise coa maioría do capital da firma de consultaría dirixida polo ex ministro socialista e participada polo popular.
Acento, e máis concretamente o galego José Branco, tiveron un papel importante na promoción da macrocelulosa que a multinacional lusa Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa). Neste sentido, persoas coñecedoras dos contactos da empresa portuguesa co Goberno español para intentar optar a fondos comunitarios destacaban a Nós Diario en 2024 o traballo o ex ministro socialista e da súa consultora en favor da pasteira proxectada na Galiza.
O ex responsábel de Fomento e número dous do PSOE na época de José Luis Rodríguez Zapatero foi un dos políticos que recibiu con máis entusiasmo o anuncio de Altri de que pretendía instalarse en Palas de Rei, afirmando a través das redes sociais que era unha "gran nova para Lugo, para a comarca da Ulloa e para Palas de Rei".
Redes de influencia
O ex ministro socialista podería estar detrás dunha rede de influencias para conseguir contratos, apuntaba en 2025 unha información publicada por El Español, na que se sinalaba que o tamén responsábel de Fomento José Luis Ábalos e o seu ex asesor Koldo García apuntaban que José Branco sería o presunto cerebro dunha rede de influencias no Ministerio de Transportes, destinada a facilitar contratos a empresas vinculadas a Acento.
Os audios e a axenda de Koldo, segundo este xornal, mostran comunicacións nas que Branco contacta directamente para solicitar favores para os seus clientes, segundo confirmarían fontes próximas ao caso. Desde 2009, engadía o medio, cando Branco ocupou a carteira de Fomento, logrou situar a "os seus peóns" en postos estratéxicos do Ministerio. Ademais, Branco chegou a recoñecer que recomendara a procesada Isabel Pardo de Vera para ser presidenta de ADIF.
