O Ministerio de Transportes atrasa case un ano a Saída Sur de Vigo sen alegar motivo
O proxecto da Saída Sur de Alta Velocidade da Galiza cara a Portugal non deixa de acumular atrasos inxustificados, o último unha modificación do contrato entre a Dirección Xeral do Transporte Ferroviario do Ministerio de Transportes e a Unión Temporal de Empresas (UTE) Prointec-Geoconsult para o estudo informativo da saída sur entre Vigo e O Porriño, segundo o portal de contratación do Estado “unha modificación necesaria debido a unha variación significativa das condicións tidas en conta nas análises realizadas nos antecedentes”. Nós Diario tivo acceso á modificación do contrato asinada a pasada semana, que atrasa 11 meses a execución prevista do estudo sen explicar motivo algún deste adiamento e referindo unicamente “Modificación Número 1 do contrato de servizos para a realización do Estudo Informativo da Saída Sur de Vigo”. En ningún dos nove puntos do novo contrato se explica en que consiste esa modificación. No contrato asinado entre o Ministerio de Transportes e a UTE Prointec-Geoconsult sinalan que esta “modificación necesaria” provoca que “o prazo de execución do contrato se verá incrementado en 11 meses”, o que coloca o novo horizonte para ter este estudo informativo no mes de outubro de 2026. O anterior contrato xa acumulaba atrasos, segundo o mesmo estudo tería que entregarse en decembro de 2024. Desde entón o Ministerio de Óscar Puente ten sido preguntado en múltiples ocasións polos medios de comunicación sobre os motivos de que non houbera aínda estudo desta Saída Sur de Vigo, pero nestes meses e até esta modificación agora asinada non houbo explicación nin resposta algunha. Nós Diario contrastou co Eixo Atlántico a existencia desta modificación do contrato e a ausencia de motivos explícitos da mesma, corroborando desde a institución os datos que confirmou este xornal ao respecto.
O documento ao que tivo acceso Nós Diario do contrato modificado limítase a sinalar, sen explicar en que consiste a modificación do mesmo, que “para a execución dos traballos comprendidos na presente Modificación, rexerán as mesmas condicións que para o contrato primitivo” adxudicado o 12 de maio de 2023, polo que será de aplicación “o mesmo prego de Cláusulas Administrativas Particulares e a súa Cláusula de Revisión de Prezos”.
Outro ano sen trazado
Segundo a información recollida no Portal de Contratación do Estado español o prazo de execución do contrato pasa agora a ser de 29 meses, fronte aos 18 anteriores. Deste modo, até o outono de 2026, se non hai novos atrasos ou modificacións, non haberá o preceptivo estudo sobre o trazado definitivo desta Saída Sur da alta velocidade entre Vigo e O Porriño, tampouco estarán documentadas as posíbeis afectacións do mesmo e faltarán tamén os criterios técnicos, económicos e ambientais para levar a cabo a execución desta importante conexión por alta velocidade ferroviaria entre Galiza e Portugal.
Os atrasos acumulados nestes pasos previos á execución das obras da Saída Sur de Vigo fan cada vez máis complexo que o Goberno español poida cumprir o prazo que se ten fixado como horizonte da conexión por alta velocidade ferroviaria desde Vigo, 2030-2032. Desde a Xunta da Galiza tamén están a aumentar as críticas a estes atrasos acumulados que, segundo dixo o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, nunha intervención parlamentaria, esta modificación do contrato “é un episodio máis do baile de cifras e datas ao que o Goberno español nos ten acostumados”. A Xunta da Galiza considera “inviábel” cos trámites pendentes a data de 2030 fixada polo Ministerio de Óscar Puente para a conexión ferroviaria entre Galiza e Portugal, que Calvo atrasou até 2038.
Mudanzas nas cifras
Esta modificación do contrato entre a Dirección Xeral do Transporte Ferroviario do Goberno do Estado español e a UTE Prointec-Geoconsult tamén varía as cifras económicas do mesmo. Segundo recolle o novo contrato, a modificación sen explicar no mesmo suporá cun importe de 315.261,83 euros sen impostos, que se eleva a 381.466,81 euros despois de impostos. Xa que logo, varía tamén a cifra total do contrato do estudo informativo que ascenderá agora a 1.265.674,31 euros.
Co novo escenario que debuxa este atraso no estudo informativo da Saída Sur da alta velocidade de Vigo, o informe tería que estar listo en outubro de 2026.
Nese momento abriríase o prazo do seguinte trámite do proxecto, a Declaración de Impacto Ambiental co trazado e as características xa definidas. O prazo administrativo destes procedementos no Estado español é de 18 meses sempre que non haxa problemas a maiores. Coa declaración de impacto ambiental aprobada, o Ministerio de Transportes terá que licitar o proxecto construtivo, que coa dimensión do mesmo podería chegar até outros 40 meses máis.
A maiores desta Saída Sur de Vigo a alta velocidade ferroviaria da Galiza con Portugal ten outro fito importante desde O Porriño até a fronteira lusa. Tamén neste caso a tramitación do proxecto leva un ritmo lento, xa que non foi até o pasado mes de outubro cando se asinou o contrato para a redacción do estudo informativo.
Caballero culpa Portugal e o PP pide reprobar Óscar Puente
O novo atraso da Saída Sur de Vigo e as demoras na conexión entre O Porriño e a fronteira lusa teñen convertido en polémica política esta conexión de alta velocidade. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, culpa directamente o Goberno de Luís Montenegro de ter “completamente parado” o proxecto no que ao punto de conexión na fronteira se refire. Segundo criticou o rexedor de Vigo, o Goberno de Luís Montenegro é quen “impide que poidan progresar os estudos porque non sabemos cal é a vía de enlace”. Diante da falta de definición do Goberno luso a este respecto, Caballero instou directamente a Xunta da Galiza e o PP a “presionar” Lisboa para “desbloquear” esta situación.
O PP puxo o foco no novo atraso e anunciou unha moción que levará ao pleno municipal da vindeira segunda feira para solicitar "a reprobación" do ministro de Transportes, A presidenta do PP de Vigo e concelleira, Luisa Sánchez, acusou Puente de "ningunear outra vez Vigo e o seu alcalde".
Desde o BNG, o seu portavoz local, Xabier Pérez Igrexas, cualificou a infraestrutura de "estratéxica e irrenunciábel" para Vigo e para o país e afeou que o Goberno estatal "non entenda a importancia de axilizar a alta velocidade", mais tamén criticou o "cinismo" do PP por "manter o proxecto en coma" cando gobernaba no Estado.


