Eixo Atlántico pide ao Goberno estatal información sobre o "atraso" do tramo ferroviario Vigo-O Porriño
A entidade transfronteiriza solicita unha reunión con Óscar Puente para tratar outros proxectos na Galiza.
A asociación Eixo Atlántico pediu ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, información sobre o "atraso" do tramo ferroviario Vigo-O Porriño, despois de que o estudo informativo dese traxecto fora contratado en xuño de 2023, cun prazo de execución que se estendía até decembro de 2024, "sen que até a data se teña noticia do mesmo", a pesar de pasar xa 11 meses.
Nunha carta remitida ao responsábel de Transportes, o organismo mostrou a súa preocupación polo "impacto negativo" que pode ter no calendario esta situación.
"Non dispomos de ningún tipo de información", lamentaron, apuntando a declaracións "de carácter político" que apuntaban á súa conclusión "primeiro en decembro do pasado ano, despois no verán deste ano e, por último, antes de finalizar o presente exercicio".
"Por todo iso, e co fin de evitar polémicas innecesarias que en nada benefician o desenvolvemento do proxecto, solicitámoslle información oficial sobre a situación exacta do mencionado estudo informativo e a data oficial de entrega por parte da empresa adxudicataria ou, na súa falta, a estimación máis precisa da mesma", apunta o Eixo Atlántico na misiva.
Ademais, aproveitaron a ocasión para solicitar tamén a Puente unha reunión na que abordar outros proxectos ferroviarios na Galiza, como as liñas Ferrol-A Coruña, Betanzos-Lugo e Lugo-Ourense, así como a situación da A-76, "que leva anos paralizada".

