O Ministerio pon o foco na Galiza para explotar terras raras

Litio, estaño e tantalio poderían extraerse no país.
O Programa Nacional de Exploración Mineira 2026-2030 apunta ao potencial da zona de Galiza e Trás-os-Montes (Portugal) con diferentes minerais estratéxicos. (Foto: Ministerio para a Transición Ecolóxica)
O Programa Nacional de Exploración Mineira 2026-2030 apunta ao potencial da zona de Galiza e Trás-os-Montes (Portugal) con diferentes minerais estratéxicos. (Foto: Ministerio para a Transición Ecolóxica)

O Ministerio para a Transición Ecolóxica identifica o potencial da Galiza de terras raras no seu Programa Nacional de Exploración Mineira 2026-2030 que presentou onte. Segundo figura neste documento, a faixa fronteiriza entre Galiza e Trás-os-Montes (Portugal) é unha das zonas con maior potencial na península para conter minerais estratéxicos como o litio –elemento básico para a fabricación de baterías–, o estaño e o tantalio.

Este informe recolle, ademais, que no oeste peninsular, "o que se coñece como Macizo Varisco ou Ibérico, presenta unha fonte potencial para moitos dos elementos críticos", o que "abarca parte de Cantabria, Asturias, Galiza, Castela e León, Estremadura e Andalucía".Na zona da Galiza e Trás-os-Montes, algunhas das formacións máis prometedoras inclúen depósitos asociados a "corpos de aplita-pegmatita e veas hidrotermais con presenza de cuarzo e fosfatos".

As investigacións apuntan a que os minerais máis ricos en litio –entre eles a espodumena, a petalita e micas litíferas– acompáñanse de fosfatos como a ambligonita e a montebrasita. Ademais, identificáronse mineralizacións con alto contido en estaño, niobio e tántalo. Entre os minerais máis frecuentes figuran a casiterita rica en tantalio, a columbita, a microlita, a tapiolita e a lepidolita.

Tamén se inclúen en terras galegas concas cenozoicas, onde se atoparon algúns dos xacementos minerais metálicos máis significativos da época recente. Precisamente, a Comisión Europea declarou en 2025 a mina de Doade, no municipio de Beariz (comarca do Carballiño), como un proxecto estratéxico polas súas reservas de litio.

Comentarios