mércores 23/09/20

Meirama deixa de fumegar

A central térmica pecha esta terza feira despois de 40 anos e sen alternativa de futuro.

Central térmica de Meirama, en Cerceda (Foto: Xoán Roberes)
Central térmica de Meirama, en Cerceda (Foto: Xoán Roberes)

A central térmica de Meirama, en Cerceda, pecha esta terza feira, 30 de xuño, despois de 40 anos da súa conexión á rede eléctrica en 1980.

Esta térmica de Naturgy, de 580 megawatts, ten que deixar de estar operativa ao non cumprir coa normativa ambiental europea de emisións industriais, polo que debe pechar as portas e iniciar o desmantelamento da mesma forma que outras seis centrais no Estado español.

A posta en marcha desta central provocou no seu día unha revolta veciñal que comezou en 1977 contra o proceso de expropiación que Fenosa levou a cabo para explotar a mina ao descuberto de carbón que abastecería á térmica de Meirama, co coñecido como cura de As Encrobas, Moncho Valcarce, como figura máis emblemáticas.

A decisión de fechar tomouse hai xa anos, pero aínda non se coñecen os plans definitivos da empresa para o feche nin o proxecto industrial chamado a paliar a perda de emprego na comarca de Ordes. 

No seu día, Naturgy anunciara un investimento de 80 millóns de euros para levantar nos terreos da central un parque eólico, xa en tramitación, e unha central de gas renovábel a partir de restos de residuos gandeiros, que coincide cun dos tres proxectos tractores anunciados pola Xunta para a recuperación da economía. Pero desde entón nada máis se volveu saber deste proxecto.

En principio, o persoal da principal, 77 persoas, deixará de traballar a partir desa data. Non acontecerá o mesmo cos da contrata Masa Galiza, aos que a empresa xa notificou que continuarán aínda un mes máis.  

Pola súa banda, a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón' celebra que a central "deixa de contaminar" Galiza, tras emitir en 40 anos "decenas de millóns de toneladas de dióxido de carbono".

Nun comunicado, apunta que a térmica emitiu entre 2010 e 2019 por volta de 8% dos gases de efecto invernadoiro de Galiza, a segunda instalación con maiores emisións só por detrás da das Pontes.

Con todo, chama a que empresa e administracións velen por "garantir a protección social e alternativas de emprego" para os 112 traballadores afectados polo peche, 77 de persoal propio e 35 de contratas.

"A irresponsábel tardanza de Naturgy en adoptar unha decisión definitiva sobre o futuro da central de Meirama, así como o negacionismo institucional da urxente necesidade e da inevitabilidade do seu peche, fixeron que a central de Meirama cese a súa actividade no medio de grandes incertezas e temores sobre os efectos socioeconómicos que iso implicará na súa área de incidencia", sostén 'Galiza, un futuro sen carbón'.

comentarios