Meirama, sen alternativa de futuro a unha semana do seu feche definitivo

Máis dun cento de traballadores e traballadoras da central térmica de Meirama e das empresas auxiliares seguen sen coñecer cal vai ser o seu futuro a partir do 30 de xuño, cando se faga efectivo o feche.
Central térmica de Meirama (Xoán Roberes)
photo_camera Central térmica de Meirama (Xoán Roberes)

Onte xa non saía fume polas chemineas da central térmica de Naturgy en Meirama (Cerceda) e pode que xa non volva saír nunca máis. O vindeiro 30 de xuño é a data prevista para o feche definitivo da instalación de xeración eléctrica a partir de carbón. Os requirimentos de Bruxelas en materia de emisións e os altos prezos do CO2 no mercado fixeron que a empresa desbotara a posibilidade de facer investimentos e apostase no seu feche.

A decisión tomouse hai xa anos, pero a falta dunha semana para que sexa efectiva aínda non se coñecen os plans definitivos da empresa para o feche nin o proxecto industrial chamado a paliar a perda de emprego na comarca de Ordes. 

No seu día, Naturgy anunciara un investimento de 80 millóns de euros para levantar nos terreos da central un parque eólico, xa en tramitación, e unha central de gas renovábel a partir de restos de residuos gandeiros, que coincide cun dos tres proxectos tractores anunciados pola Xunta para a recuperación da economía. Pero desde entón nada máis se volveu saber deste proxecto.

Plan de feche

Namentres, os traballadores e traballadoras afectados polo feche seguen na máis absoluta incerteza. "Non sabemos nada", di o presidente do comité, Miguel Anxo Iglesias, sobre o que vai acontecer coa central a partir da vindeira semana. 

En principio, o persoal da principal, 77 persoas, deixará de traballar a partir desa data. Non acontecerá o mesmo cos da contrata Masa Galiza, aos que a empresa xa notificou que continuarán aínda un mes máis.  

No caso das de Naturgy, as persoas maiores de 55 anos acolleranse ao plan de prexubilacións da compañía, que durante cinco anualidades mantenlles 90% do salario bruto. O resto do cadro de persoal será recolocado, "pero aínda non sabemos nin onde nin cando", apunta Iglesias. As vacantes actuais están en Valladolid, Cidade Real e Burgos.  

Abandonados pola Xunta

Hai unhas semanas, o comité reuniuse co conselleiro de Economía, Francisco Conde, o director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces e a secretaria  de Emprego, Covadonga Toca, mais só sacaron o compromiso de que reclamarían solucións para as traballadoras, mais "de momento, nada", sinala Iglesias. "A Xunta non se quere implicar. Tennos abandonados". 

Tamén desde o Goberno español. O Ministerio de Transición Ecolóxica presentou o pasado mes de marzo un borrador dun convenio de transición xusta para Meirama, dentro do plan de acción urxente para comarcas de carbón e centrais en feche 2019-2021, co mantemento do emprego como principal obxectivo, xunto coa identificación e impulso de proxectos e investimentos no territorio. 

Nese documento, cifrábase en 40% o persoal afectado nos concellos da comarca de Ordes, xa que boa parte do cadro de persoal estaba domiciliado na Coruña e os concellos da súa comarca. Esa mesma porcentaxe sería a que se contrataría nestes concellos para levar a cabo as tarefas de desmantelamento da central. 

Desde o comité amósanse "totalmente en contra" desta medida, xa que entenden que deberían ser os traballadores e traballadoras da contrata as que levasen a cabo o desmantelamento. 

Como explica a Nós Diario Miguel Anxo Iglesias, o proceso para desmantelar a central térmica ten un prazo estimado de cinco anos e en tres ou catro anos boa parte do persoal da contrata xa podería xubilarse. Tan só "quedarían uns poucos". 

O precedente do Plan Miner

Na súa opinión, o plan de acción urxente do ministerio "xa chega tarde", pois houbo despedimentos en Masa Galiza. Neste senso, tamén chama a atención sobre o feito de que as axudas poderían beneficiar tamén ás traballadoras que estaban en activo cando se solicitou o feche, en decembro de 2018, e non só as que quedan agora sen emprego. 

Entre os seus principais temores está o de que se reviva a situación de hai unha década, cando se procedeu ao feche da mina de lignito. O Plan Miner contemplaba en 2009 un partida de 88 millóns de euros para recolocar o cadro de persoal da mina. O resultado: reparto dos cartos e o persoal sen recolocar. 

"Non queremos que pase o mesmo", indica o responsábel do comité, pero tememos que despois o traten de xustificar con algún curso de formación. 

O que tampouco lles convence é o feito de que a comisión de seguimento do plan a formen os mesmos que o crearon (Endesa, Naturgy, Iberdrola, UXT e Comisións Obreiras). "Só falta que poñan os seus números de conta", denuncia.

Comentarios