Medra o número de 'ricos' na Galiza malia a crise: 8.242 persoas cun patrimonio medio de 6 millóns de euros

O empresario Amancio Ortega, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
A galega é a segunda maior cifra do Estado español após a de Madrid. Na última década duplicouse o número de persoas que declaran un patrimonio superior aos 30 millóns.

Os contribuíntes que declaran patrimonios superiores aos 30 millóns de euros multiplicáronse por máis de dous na última década, pasando de 352 declarantes en 2011 a 724 en 2020, de acordo con os últimos datos da Axencia Tributaria sobre a recadación do Imposto de Patrimonio e referidos ao ano 2020.

Desta forma, e a pesar da crise económica e da pandemia, o número de 'ricos' no Estado español multiplicouse por 2,6. Só desde 2011, os cidadáns que declaran grandes patrimonios pasaron de 352 nese ano a máis do dobre en 2020, con 724.

Desde o inicio da recuperación económica o número de 'ricos' con patrimonios declarados superiores a máis de 30 millóns de euros non fixo máis que aumentar ao longo da última década, a pesar dun lixeiro retroceso en 2018 e cunha nova repunta no ano seguinte.

Os contribuíntes deste imposto alcanzaron os 218.991 en 2020 fronte aos 212.284 dun ano antes, polo que máis de 6.700 declarantes novos sumáronse á declaración do Imposto de Patrimonio por un importe medio de 3,5 millóns de euros.

A Galiza e Madrid lideran o patrimonio declarado por contribuínte

No desglose dos datos, dos 218.991 declarantes do Imposto de Patrimonio en 2020, a maior parte concéntranse en catro territorios: Catalunya, con 82.465, que encabeza a lista a certa distancia co País Valencià, con 23.892 declarantes; seguida de Madrid (19.508) e Andalucía (18.997).

Con todo, na distribución por importe patrimonial declarado, a clasificación muda considerabelmente, xa que neste caso Madrid é líder cun patrimonio medio declarado por contribuínte de 10,3 millóns de euros. Na segunda posición fica a Galiza, cun patrimonio medio de 6,01 millóns, a pesar de que o número de contribuíntes por este imposto no país é de 8.242, circunstancia que se explica polo domicilio na Galiza do fundador e socio maioritario de Inditex, Amancio Ortega. A terceira praza ocúpaa Balears, cun patrimonio medio declarado de 3,9 millóns de euros, seguida de Canarias, con 3,5 millóns.

O Imposto de Patrimonio suprimiuse o 1 de xaneiro de 2008, mais tras a crise económica o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero recuperouno —en 2011—, en principio temporalmente até o ano 2013, pero o Executivo de Mariano Raxoi e agora o de Pedro Sánchez mantivérono e prorrogárono sucesivamente.