venres 24/09/21

Galiza: 8.000 persoas ricas e cada unha delas cun patrimonio medio de 5,2 millóns

Catro de cada 100 ricos e ricas que viven no Estado español residen aquí.
Imaxe do porto deportivo Juan Carlos I, Sanxenxo. (Foto: Mancomunidade do Salnés) #sanxenxo #porto #portodeportivo
Imaxe do porto deportivo Juan Carlos I, Sanxenxo. (Foto: Mancomunidade do Salnés)

Galiza vai camiño de ter 8.000 persoas que poden ser consideradas, oficialmente, ricas. É dicir, que teñen que pagar o Imposto de Patrimonio, que é ese que asumen aqueles e aquelas persoas que atesouran un patrimonio superior a 700.000 euros e outros 300.000 de vivenda.

E en total eran en 2019 perto de 7.900 os contribuíntes dese tipo que residían na Galiza. No conxunto do Estado a cifra é de 202.437, así que aquí reside o 4%. Canda Madrid, Galiza é o territorio que concentra as maiores fortunas.

Na capital de España, o patrimonio medio que posúe cada contribuínte 'rico' supera os 9,5 millóns de euros, o que sitúa Madrid como líder en canto a, por dicilo así, riqueza por rico. E o segundo posto é para a Galiza, onde o patrimonio medio de cada rico ou rica anda nos 5,2 millóns.

Así pois, na Galiza hai unha persoa rica por cada 350 habitantes, porcentaxe moi superior á que se dá en boa parte dos territorios do Estado español. O país cos salarios e as pensións máis baixas é tamén terra dalgunhas das fortunas máis importantes. 

Estamos en perto das 8.000 persoas ricas residindo aquí, cando en 2011 a cifra que integraba esa listaxe de afortunados non chegaba a 7.200. Nunha década, por volta de 800 ricos e ricas máis.

Daquela, 2011, o patrimonio que na Galiza posuían as persoas ricas era de menos de 25.500 millóns de euros

Quen paga?

O informe "Panorama fiscal autonómico de 2021" do Consello Xeral de Economistas Asesores Fiscais (Reaf), sitúa Galiza como o terceiro territorio que menos grava as persoas con maiores ingresos.

A pesar da suba de dous puntos no IRPF para as rendas do traballo a partir de 300.000 euros incluída nos orzamentos para 2021 do Goberno de Pedro Sánchez, a Galiza será un dos territorios cos tipos máis baixos para as rendas altas (o tipo máximo é de 47%). Lonxe están os do País Valenciá (54%), que eleva este tipo tanto para rendas altas como para patrimonio, ou Catalunya (50%), que aínda que tamén incrementa os impostos ás rendas máis altas non ten impacto no tipo marxinal.

Rendementos

Neste escenario, unha persoa con rendementos de traballo superiores a 300.000 euros anuais pagaría de IRPF na Galiza 122.967 euros, case 13.000 euros menos que no País Valenciá. 

Só en Madrid e nas dúas Castelas, as persoas que cobran grandes salarios pagan menos impostos que na Galiza.

comentarios