Medio cento de afectados polo 'phishing' confían nunha solución extraxudicial

Máis de sesenta persoas acudiron á xuntanza da Unión de Consumidores da Galiza para abordar o problema do 'phishing' (Foto: UCGAL).
As afectadas polas estafas financeiras tratan de buscar unha saída rápida pola vía extraxudicial mentres a vía penal comeza a deixar as primeiras sentenzas a favor das vítimas.

Máis de 60 persoas acudiron a pasada quinta feira á xuntanza organizada pola Unión de Consumidores da Galiza (UCGAL) en Compostela para coñecer cada un dos casos polo miúdo e para artellar unha saída extraxudicial que permita as persoas afectadas polas estafas financeiras mediante a técnica do 'phishing' recuperar os seus cartos canto antes. 

Como indica a Nós Diario o secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo, preto de medio cento de asistentes asinaron xa un documento que autoriza a organización a representalos na negociación coas entidades financeiras, aínda que agardan que nos próximos días se sumen máis persoas afectadas.

"A xuntanza permitiunos ter unha idea da realidade do problema", explicou o responsábel de UCGAL, que apuntou que hai casos nos que as vítimas da fraude quedaron sen todos os seus cartos, "mesmo dos das contas nas que estaban como autorizadas, xa que só require un traspaso entre contas que non precisa de autorización".

Segundo os seus cálculos, as persoas afectadas por este tipo de fraude dixital poden superar o centenar, e o importe das mesmas, o millón de euros.

Resposta rápida

Coa vía civil, a organización pretende que estas persoas recuperen os seus cartos canto antes, sen fechar a porta á vía legal, na que tamén están a traballar. "A xente quere recuperar o seu diñeiro o antes posíbel e non van renunciar á vía xudicial se non ven vontade por parte das entidades en pouco tempo". 

Neste senso, López Crespo afirma que as entidades financeiras "están moi afeitas a dicir que non", como xa aconteceu de inicio cos preferentes, as tarxetas 'revolving' ou as cláusulas chan. Por iso apela á oportunidade que teñen de buscar unha solución extraxudicial e evitar así as costas do proceso, entre outros gastos. Ademais, cre que "non ten sentido pensar que a clientela é sempre a culpábel e se vitimice dúas veces ás consumidoras". 

Na Galiza xa existen sentenzas desfavorábeis aos intereses da banca. Este diario tivo acceso á que a Audiencia Provincial de Pontevedra ditou contra unha coñecida entidade galega o pasado mes de abril por un caso de 'phishing' no que unha muller perdera 19.632 euros. 

A entidade financeira foi condenada a repoñer esta cantidade, asumir as costas do proceso e a indemnizar con 4.632,31 euros a vítima, xa que, entre outras cuestións, segundo recolle a propia sentenza, "o banco non pode ser pasivo, conformista ou puramente inercial, senón que se require que haxa por parte del un labor de vixilancia extrema, profesionaliza e maior que a exixíbel a toda persoa media. O incumprimento deste específico deber de vixilancia dá lugar a unha responsabilidade por culpa in vigilando", sinala o auto.

Desde UCGAL, o seu secretario xeral aclara que nestes casos "non basta con que a entidade alegue a falta de dilixencia da vítima, senón que ten que demostrar e garantir a seguridade da transacción".

Neste senso, confía na "vontade da empresa" para atopar unha solución a un problema que, como afirman as expertas, adoita cada vez fórmulas máis sofisticadas para a fraude.