MásMóvil comprométese a manter o emprego e a marca R no marco da OPA a Euskaltel

A 'cableira' galega pasou ao grupo vasco en 2015 por case 1.200 millóns de euros. En setembro do ano pasado, a ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato incorporábase ao renovado consello de Euskaltel.

R compañía

R está a pique de mudar de donos, a terceira vez en pouco máis de cinco anos. A cableira nada na Galiza pasou en 2015 a ser adquirida por Euskaltel, que desembolsou perto de 1.200 millóns de euros nesta operación. Agora, o grupo vasco está no camiño de ser adquirida por Másmóvil, que vén de facer unha oferta pública pola súa adquisición.

MásMóvil, con sede en Madrid, lanzou unha ‘Opa Amistosa’ por Euskaltel por case 2.000 millóns de euros.

Mediante a comunicación da oferta á Comisión Nacional do Mercado de Valores, faise oficial a intención da compra. É unha adquisición voluntaria e de carácter amigábel, polo que a maioría dos propietarios das accións deberán aceptar vendelas a  MásMóvil para que se produza o acordo. Cunha suma duns 2.000 millóns de euros, corresponde a uns 11 euros por acción e unha prima de ao redor do 27% con respecto ao prezo do últimos seis meses.

Segundo  MásMóvil, din que xa contan co apoio do 52,32% do capital de  Euskaltel. É dicir, que principais accionistas como  Kutxabank, Alba ou  Zegona accederon a vender as súas accións mediante acordos irrevogábeis.

Para que se alcance un acordo para a compra da operadora necesítase poder comprar un 75% das accións mínimo. Así mesmo, que os reguladores do mercado dean o visto e prace.

No acordo cos principais accionistas, a compañía comprométese a non aplicar ERE durante cinco anos, a preservr a sede de R na Coruña durante o mesmo período.

En caso de materializarse a operación, o grupo resultante da operación contaría con preto de 14 millóns de liñas, uns ingresos estimados de aproximadamente 2.700 millóns de euros, 26 millóns de fogares conectados con fibra, e máis de 1.500 empregados.

Ademais, a empresa dirixida por Meinrad Spenger comprometeuse a manter o emprego e as marcas Euskaltel (Euskadi), R (Galiza), Telecable (Asturies) e Virgin, a nivel do Estado. Así mesmo, tamén manterá as sedes sociais das empresas do grupo en Euskadi e Galiza.

Comentarios