"Estamos nunha situación límite", alertan mariscadoras e confrarías
Os datos dos últimos anos non deixan lugar para ser optimistas no sector do marisqueo. Segundo a plataforma PescadeGalicia, xestionada pola Consellaría do Mar da Xunta da Galiza, especies como a ameixa babosa pasaron de achegar 2.119.735 euros en 2011 a quedar en 562.799 euros en 2025.
No caso da ameixa fina as perdas foron superiores. Así en 2011 facturáronse 2.800.595 euros e en 2025 esta cifra reduciuse até quedar en 596.018 euros. Son só dous exemplos dunha realidade que está a deixar fóra de xogo as persoas que viven do mar.
Factores diversos
O Profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Gonzalo Rodríguez cualifica a situación de “tremenda”. Explica esta opinión, en declaracións a Nós Diario, colocando o foco nesta caída da produción "que se fixo máis evidente desde 2019”. A futuro, o docente e investigador tampouco ten unha prognóstico moi positivo de como rematará este ano. "Todo o contrario”, alerta. “Non hai previsión agora mesmo de que os datos melloren coas consecuencias económicas que isto implica”, asegura.
Entre ao motivos desta situación que afecta as rías galegas, o profesor aclara que “non só son climáticos e de cambio de cambio de temperatura da auga acompañada de choivas extremas”. A “amplificación” do panorama negativo viría, nos últimos anos, coa entrada de auga doce como consecuencia de decisións como “a apertura dos encoros por estar cheos ou simplemente por procurar negocio coa electricidade”. Por último, pon enriba da mesa factores “de estrés de usos sobre o litoral” que contribúen a manter “un nivel moi elevado sobre os sistemas ecolóxicos”.
A nivel económico, Gonzalo Rodríguez tamén pon énfase nun fenómeno novo: a entrada de marisco procedente doutros países, mesmo fóra da Unión Europea. “Desde os anos 60 o marisco galego foi subministrou o mercado estatal chegando a representar 95% do total”, indica. Pola contra, hoxe en día o marisco non pasa pola Galiza e está chegando a Madrid ou Barcelona “directamente desde Dinamarca, Bulgaria, Canadá ou mesmo Marrocos”.
Outro elemento pouco tratado até agora é a distorsión nas cifras oficiais. Rodríguez ten falado nalgunha ocasión coas depuradoras galegas de marisco e comprobou que, nos datos oficiais que se empregan de venda, “non se contempla o que morre nesas instalacións, que é moito, outro problema para unhas empresas que dan traballo aquí a unhas mil persoas”.
"Teremos que fechar"
Nós Diario contactou esta cuarta feira cunha das confrarías máis afectadas agora mesmo con este panorama, a da Pobra do Caramiñal (O Barbanza). Após 102 anos de historia, nestes momento non descartan desaparecer polas perdas económicas e a ausencia de solucións por parte da Administración galega. Mantéñense activas 89 mariscadoras a pé, 77 embarcacións e 23 de navalla, aínda que só están a traballar estes días 30 das primeiras e sete das terceiras pola falta de materia prima na ría.
“Non gañamos nin para pagar a Seguridade Social”, asegura Rosa Millán, mariscadora a pé desta confraría. “O cambio climático está aí, houbo incendios e aínda por riba chega auga doce polo que a ría, todas as rías en realidade, están enfermas e a caída da produción é evidente”, relata esta traballadora do mar. Na súa contorna laboral xa é habitual ter outros traballos para poder subsistir e chegar a fin de mes. "O peor é que, se cadra, rematarán por abandonar esta profesión e a xente nova nin se achega polo que ve que está pasando", admite.
O patrón maior da confraría, Enrique Maceiras, completa a radiografía que ten diante o sector apuntando que, "aínda que estamos cun expediente temporal de regulación de Emprego (ERTE) as contas non dan en absoluto por non haber ingresos para manternos". Cada confraría ten que afrontar todos os meses os pagos á Seguridade Social e se non hai vendas, coas súas porcentaxes correspondentes para a entidade, "non nos quedan moitas alternativas". Maceiras alerta de que se se fechan os bancos marisqueiros, a entidade centenaria vai detrás. "E semella que coas propostas que nos chegan desde a Xunta o que queren é que rematemos fechando e ademais dirán que a culpa foi nosa", critica.
Sen moitos ingresos, manter a Confraría activa e abrir cada día segue a ter uns gastos fixos que non diminuíron en absoluto e mesmo aumentaron nalgúns casos. "Temos menos recursos para contar con vixiantes para coidar que non veñan os furtivos aos nosos bancos marisqueiros", pon como exemplo Rosa Millán nun momento como o actual en que "aumentou moito" esta actividade delitiva na zona. "Por iso temos que ser nós mesmas as que vixiemos", conclúe.
O convenio da Xunta da Galiza non convence
A conselleira do Mar, Marta Vilaverde, anunciaba o mes pasado como solución aos problemas do sector a posibilidade de que as confrarías asinen convenios para compensar as tarefas de rexeneración dos bancos marisqueiros. A contía, que roldaría os 700 euros ao mes por mariscadora.
“Despois de pagar a Seguridade Social quedariamos con 400 euros. Quen pode vivir con 400 euros”, pregúntase Rosa Millán. “Énchense a boca falando de moitos millóns mais para nós, cos poucos ingresos que temos e os moitos gastos, non nos serve”, sentenza o patrón maior da Pobra do Caramila, Enrique Maceiras.
Rexenerar a ría
“Non queremos vivir de axudas, o que precisamos é que se rexenere a ría e gañarnos a vida co noso traballo”, deixa claro e propón a mariscadora do Barbanza. O patrón maior coincide nesta idea. “Para nós sería importante, se non conseguimos recuperar a actividade teremos que rematar fechando”, afirma.
O caso da Pobra do Caramiñal é extremo pois, como recoñece a Nós Diario Maceiras, "non temos outra maneira de ter ingresos, vivimos do marisqueo, un caso diferente son outras que contan, ademais, con outro tipo de achegas por ter embacacións de pesca doutras especies".


