As confrarías urxen reunirse coa Xunta ante a mortalidade do marisco

Á espera de contar con máis mostras e analizalas en profundidade, e ante a elevada mortalidade rexistrada no berberecho, a Confraría de Noia realizou catas en varios lugares da ría.  O seu presidente adianta os resultados e urxe actuacións ante un panorama cada vez máis complicado por mor das continuas borrascas que afectan a costa galega. Esta quinta feira as catro confrarías de Muros-Noia pediron por escrito unha reunión urxente  coa Consellaría do Mar e Augas da Galiza.
Un membro da Confraría de Noia recollendo exemplares na ría antonte. (Foto: Confraría de Noia)
Un membro da Confraría de Noia recollendo exemplares na ría antonte. (Foto: Confraría de Noia)

Osector marisqueiro da ría de Muros-Noia continúa pendente da evolución da situación meteorolóxica e das decisións que se tomen desde a Xunta da Galiza para aclarar o seu futuro. A aparición de crías de berberecho mortas nos areais cando comezaba a semana causou unha auténtica alarma e estaquinta feira realizaron varias catas nas que participaron dúas embarcacións da confraría San Bartolomeu de Noia. 

O seu presidente, Santiago Cruz, informa a Nós Diario que atoparon nas zonas onde mariscan a pé que “entre 70% e 80% do berberecho está morto”. Pola contra, nesta primeira recollida e observación, acharon que nas zonas con máis profundidade, “onde non golpean tanto as ondas do mar, a mortalidade redúcese até estar entre 15% e 20% no caso da ameixa”. 

Diante desta situación indica que esta quinta feira os catro patróns maiores da ría mantiveron unha xuntanza e consensuaron un documento que remitiron á Consellaría do Mar e a Augas da Galiza. “Nel exiximos á Conselleira que se faga un protocolo no que se teña en conta a preamar para abrir as comportas do encoro do Tambre”, indica o patrón maior. “Desta maneira, sen solucionar por completo esta situación, igual había 50% e non 80% de mortalidade como agora”, agrega. 

Á espera da resposta da Xunta da Galiza, Cruz agarda que se se realiza esa reunión non aconteza “como noutras que decorreron en anos anteriores co anterior Conselleiro, con Augas da Galiza e con Naturgy, que quedaron en papel mollado”. 

Marisqueo a pé

A situación preocupa moito á agrupación de mariscadoras e mariscadores de a pé da Confraría de Noia. O seu presidente, Francisco Pérez, prefire agardar os resultados definitivos que dean as análises das mostras recollidas para comprobar realmente cal é o alcance do problema. Porén, en declaracións a Nós Diario, considera que “a cousa, tal e como está agora, non pinta moi ben”. Recoñece que é unha circunstancia "que vivimos outros anos” mais agora entende que están cun “tren de borrascas excepcional”. Por este motivo reitera a necesidade de tomar medidas urxentes. 

Neste sentido, este mariscador coincide co patrón maior da confraría San Bartolomeu en sinalar que “sabedores de que a presa ten que abrir as súas comportas, teñan en conta que de que abran máis ou menos dependerá que os danos para o marisco sexan maiores ou menores”, afirma. Coincide, daquela, coa petición de regular o funcionamento do encoro “para que afecte menos ao noso traballo”. 

Primeira inspección

A bióloga da confraría, Liliana Solís, explica a Nós Diario que a cata que realizaron esta semana é “un primeiro achegamento” e terán que agardar a que paren as borrascas por completo para realizar unha investigación máis a fondo. “Nese momento poderemos avaliar co total seguridade e fiabilidade a situación dos bancos de marisco da ría”, confirma. Ao mesmo tempo, informa que a Xunta da Galiza enviou cuestionarios para que o sector avalíe pola súa parte e dea “unha primeira impresión cualitativa que indique se afectou de maneira leve, moderada ou severa”. 

A científica da confraría asegura que agora mesmo non se pode ir máis alá no estudo "por estarmos nunha situación cambiante, até que rematen as borrascas actuais". Alén diso, unha vez activen outras catas e unha recollida completa de mostras, "haberá que agardar un mes para completar un estudo técnico en condicións". Con todo, co feito até o de agora pola confraría e nunha primeira avaliación, constátase a elevada presenza de berberecho morto na zona que queda descuberta coa marea baixa.

"É un lugar de sedimentación polo que agora falta comprobar se o berberecho atopado procede dese mesmo banco de marisco ou doutros que arrastrou o temporal", aclara esta bióloga. Aínda así, precisan comprobar a mortalidade dos exemplares, pois "sen están abertos, pode que non estean vivos ou, no seu caso, non estar en condicións de recuperarse para o consumo".

Sobre a causa desta situación, Solís non dubida en sinalar ao aumento de auga doce en grandes cantidades. "Berberecho, ameixa e navalla son especies resistentes aos cambios de salinidade mais cando están quince días cun panorama de auga doce non se poden alimentar, inchan e xa non se recuperan", relata esta bióloga. Neste sentido, insiste en que cando se poidan realizar estudos completos do estado dos bancos de marisco, estará en condicións de indicar "se se pode continuar coa campaña como estaba previsto entre marzo e abril, ademais de ter unha idea da seguinte, que sería en setembro e outubro". 

Salinidade e protocolos

Un dos aspectos importantes que axudan a constatar os efectos das borrascas son as medicións de salinidade da auga da ría. Para medilo, a confraría conta con varias estacións que fan un seguimento cada media hora, aínda que desde o mes de outubro non están activas por un problema informático. "En realidade, as competencias para medir a salinidade nas zonas de produción son da Xunta da Galiza, non das confrarías", informa a bióloga a Nós Diario. "Iso, malia que sempre nos preguntan a nós, mesmo a propia Consellaría faino moitas veces por incidencias que acontecen no noso concello", asevera.

O foco de atención do problema continúa a estar, en opinión de todos os afectados, na falta de protocolos no funcionamento do encoro, unha cuestión que para o presidente da confraría só é "unha cuestión de vontade e non de prexudicar o seu funcionamento habitual". Cruz asegura que "nunca dixemos que non abriran as comportas, o que pedimos é que o fagan no momento en que non nos afecte". Neste sentido, el mesmo comprobou en persoa como na baixamar estaban abertas "1,80 metros e na preamar, que é cando queremos nós que estean máis abertas, estar só 60 cm". Esta actuación é "á inversa" de como demandan desde a confraría. "Mudar isto non lle vai afectar en absoluto á empresa, non hai que ser egoístas cos que traballamos máis abaixo, temos que convivir", conclúe.

O sector marisqueiro fica á espera da Mesa Interinstitucional

O Goberno municipal de Noia anunciou a pasada terza feira que convocaría unha Mesa Intersinstitucional do Mar para a vindeira semana coa intención de que se trate a situación que se vive na ría e achegar solucións. A iniciativa foi recibida con satisfacción polo sector aínda que con cautela. “Cando nos avisen iremos, mais o que estamos exixindo é o mesmo desde hai anos: un protocolo para a presa do Tambre”, insiste a Nós Diario o presidente da Confraría.

“Era algo que viñamos reclamando desde hai tempo”, agrega desde a agrupación de mariscadores e mariscadoras a pé, Francisco Pérez. Ademais destas dúas organización están convidados a participar na Mesa a Subdelegación do Goberno estatal, a Delegación Territorial da Xunta da Galiza e a Plataforma en Defensa da Ría (Plademar).

Comentarios