O leite galego segue a ser, un mes máis, o peor remunerado do Estado: 47 céntimos por litro

Explotación gandeira de lácteos en Sabadelle, Chantada. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A gandaría galega representa case a metade da produción láctea total do Estado, un peso que non se ve correspondido co seu prezo.

Maior produción, peor rendemento. Un mes máis, setembro fechou cos gandeiros galegos como os peor remunerados no sector lácteo estatal, co seu leite pagándose a un prezo de 47,48 céntimos o litro. Así se desprende do último informe publicado polo Ministerio de Agricultura sobre a situación do mercado vacún de leite, que evidencia unha lixeira caída do prezo na Galiza a respecto do mes anterior, agosto, cando fora de 47,57 céntimos por litro e, con todo, ficara igualmente na última posición da táboa.

Os escasos beneficios que os produtores e produtoras galegas obteñen do leite cru contrasta novamente coa bonanza dos seus compañeiros de profesión noutros territorios, como é o caso de Canarias, onde o litro se pagou en setembro a 60,29 céntimos, ou Asturias e País Valencià, cotizando en ambos os casos a 52,62 céntimos.

A nivel estatal, o prezo medio foi de 51,5 céntimos, catro máis que no caso galego, cuxos inmediatos competidores pola parte baixa da táboa son Illes Balears (49,42 céntimos/litro) e Madrid (50,10 céntimos).

Iso a pesar, porén, de liderar Galiza o sector no Estado español, con até 42% da produción total de leite cru en setembro, unha cifra que triplica a achega de Castela e León (13%), segunda con maior peso. Os seus gandeiros, porén, cobraron o litro de leite a 52,23 céntimos. E Galiza é tamén o territorio que conta con máis gandeiros e gandeiras con entregas de leite, un total de 5.759; ou, o que é o mesmo, máis da metade dos presentes en todo o Estado español (10.157).

E, como en tantos outros parámetros baseados neste informe, o país ten a menor fenda de xénero e é o máis próximo a lograr a paridade, con 60% de homes titulares de explotacións gandeiras e 40% de mulleres. A media estatal é de até 69% homes.

Na Galiza estes datos, que non resultan unha novidade e que se suman á denuncia de Unións Agrarias de que o xigante Capsa pagaría máis aos gandeiros asturianos que aos galegos, manteñen o sector en pé de guerra e urxindo solucións.