Entrevista

Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia: "A alta velocidade entre Vigo e Porto é unha prioridade"

Juan Manuel Vieites será reelixido esta terza feira como presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) nunha asemblea na que se postula como o único candidato. O máximo dirixente da CEG atende 'Nós Diario' nunha entrevista na que repasa as principais cuestións da actualidade económica galega, así como os retos que se marca de cara a este novo mandato á fronte da patronal galega.
Juan Manuel Vieites é o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. (Foto: CEG)
Juan Manuel Vieites é o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. (Foto: CEG)

Cal é a análise que fai deste mandato que culmina?
Avanzamos nos temas relacionados coa unidade e coa independencia do sector empresarial galego, e creo que foi fundamental. Tratáronse moitas cuestións que levaban moitos anos atrasadas e tíñamos que pór ao día. Iso foi o que intentei desde o primeiro momento en que me fixen cargo da Confederación de Empresarios de Galicia. Temos unha organización digna dunha comunidade autónoma como é a galega, que ten magníficos empresarios, dos que eu sempre digo que son a solución e non o problema, pois son os que crean riqueza e emprego no territorio. 

—E que retos marca no futuro?
Imos seguir traballando coas nosas empresas e coas administracións para fomentar a colaboración público-privada e intentar acomodar os nosos sectores industriais para gañar o reto do futuro. Necesitamos, cada vez máis, pór enriba da mesa medidas para gañar en produtividade e competitividade, non só no mercado estatal senón a nivel internacional. 

Hoxe estamos inmersos nun cambio de modelo de sociedade e isto significa que se precisa unha formación do persoal importante ante retos como a economía circular, a economía verde, a dixitalización ou a intelixencia artificial. Galiza non pode perder o reto do futuro. Ademais, é preciso evitar o grande absentismo laboral que temos na Galiza e buscar unha fiscalidade en liña coa de outras autonomías, así como desenvolver  medidas para axilizar a hiperregulación e a burocracia. 

Por outra parte, a enerxía que é outro aspecto fundamental tendo en conta os recursos que temos, como a agua e o vento, sen prexuízo de empregar outros. Temos que conseguir que esta produción poida repercutir nos sectores industriais, así como na sociedade en xeral.

—Un dos debates actuais xira arredor dun marco galego de relacións laborais, dunha negociación colectiva na Galiza. Cal é o seu punto de vista ao respecto?
Creo que hai que deixar flexibilidade aos sectores para que os convenios poidan estabelecerse a nivel estatal para que non perdan competitividade as nosas empresas, mais tamén pode haber convenios de empresa, e se hai algún sector que poida ter interese nos convenios autonómicos, hai que deixar que o diálogo social, o persoal e as empresas, poidan chegar a acordos e funcionar da maneira máis operativa e eficiente posíbel.

—Portugal é un dos principais socios comerciais da Galiza. Que importancia ten esta relación?
Por todos é coñecido que as relacións económico-comerciais entre Galiza e o norte de Portugal, e incluso con Portugal en xeral, teñen uns lazos non só pola proximidade xeográfica, senón tamén uns lazos históricos que ofrecen a Galiza unhas oportunidades únicas para a colaboración económica e cultural. 

Neste sentido, a conexión ferroviaria e a alta velocidade entre Vigo e Porto é un proxecto prioritario, desde a Confederación de Empresarios de Galicia considerámola vital para potenciar ese desenvolvemento económico e a integración transfronteiriza, polo que instamos o Goberno español a reconsiderar a súa posición e a aliñarse con Portugal para dar prioridade a esta conexión. A súa realización melloraría de forma significativa a mobilidade, o comercio e a competitividade da Galiza. Temos unha das eurorrexións máis dinámicas da Unión Europea, pois temos que aproveitalo e intentar facer proxectos apropiados para seguir incrementando esta colaboración con Portugal.

Por outra parte, a pertenza aos espazos lusófonos tamén amplía as nosas posibilidades de acceso a mercados internacionais. A Lei Paz Andrade promove ese achegamento á lusofonía e ao aproveitamento da lingua portuguesa. O dominio dun idioma moi parecido non só nos facilita as relacións comerciais con Portugal, senón que tamén abre portas en mercados emerxentes de países lusófonos, como poden ser o Brasil, Angola ou Mozambique, e esa conexión lingüística reforza a posición estratéxica da Galiza no ámbito internacional.

—Unha das cuestións que máis debate está a suscitar no ámbito galego é o proxecto de Altri. Na súa opinión, é o modelo de industria que precisa Galiza?
Penso que o proxecto da empresa portuguesa Altri para instalar unha planta de produción de fibras téxtiles a partir de celulosa en Palas do Rei, na comarca da Ulloa, representa un investimento significativo, de 1.000 millóns de euros polo que coñecemos. Consideramos que esta iniciativa é estratéxica para Galiza, xa que podería crear 500 empregos directos e 2.000 indirectos, contribuíndo ao desenvolvemento económico e á fixación de poboación en áreas rurais, do que estamos moi necesitados. No entanto, somos conscientes da oposición que suscitou este proxecto en diversos sectores de sociedade galega, incluíndo manifestacións multitudinarias como a de Santiago de Compostela, e desde o noso punto de vista é fundamental que Altri obteña as autorizacións pertinentes, como a declaración de impacto ambiental. Penso que se vendeu mal nun principio por parte da empresa e creo que esta agora intenta reconducir a situación. Veremos que din eses informes técnicos de avaliación e se realmente cumpre coa normativa.

—A firma lusa pide que se financie 25% do investimento con fondos públicos. Conseguírao?
O máis importante é o que cumpra coas normativas e a partir de aí a propia empresa ten que buscar o financiamento correspondente. Penso que sendo unha gran compañía como é, terá estudada a situación. En todo caso, veremos até onde pode chegar os fondos públicos, e tamén hai outras axudas a nivel europeo que poderían chegar en forma de subvención ou de préstamo. Iso que é o que o Goberno español ten enriba da mesa, e tamén a Xunta da Galiza. E veremos como se comporta a propia Unión Europea en relación co financiamento dos proxectos e a súa caracterización como prioritarios ou non.

—Vostede foi secretario xeral de Anfaco. Tendo en conta a súa ampla experiencia no sector, que medidas ve necesarias ante a perda de produtividade dos bancos marisqueiros?
As riadas supoñen desafíos significativos no marisqueo que son agravados por prácticas como o baleirado descontrolado dos encoros, que afecta negativamente os ecosistemas mariños e a sostibilidade do sector. Nós avogamos por unha xestión máis rigorosa e coordinada dos recursos hídricos que contemple a regulación adecuada dos baleirados das presas para minimizar o seu impacto nas rías.

"O baleirado descontrolado das presas afecta negativamente o marisco das rías"

Ademais, consideramos esencial implementar plans integrais de saneamento e rexeneración dos bancos marisqueiros apoiados por unha dotación económica suficiente para garantir a viabilidade a longo prazo do sector e a protección do noso medio ambiente. Precisamos medidas que melloren a xestión e sostibilidade da produción, que en algún caso baixou até 80%, como por exemplo a do berberecho de Noia. Para abordar isto propuxemos a creación dunhas mesas de traballo compostas por todas as partes afectadas e baixo a coordinación da Consellaría do Mar. É un debate que temos que facer entre todos e pór as medidas adecuadas para poder volver a recuperar esa produción.

—Cambiando de temática, que opina dos aranceis que foron anunciados polo presidente dos EUA –Donald Trump–?
A raíz disto está en que Trump observa que os Estados Unidos teñen unha balanza comercial negativa. Entón, nós observamos con preocupación as medidas proteccionistas que pretende implementar, posto que Galiza é unha economía aberta cuns fortes sectores como o agroalimentario, o pesqueiro ou o industrial, que dependen do comercio internacional. As exportacións galegas aos EUA medraron 38% nos últimos cinco anos, o que indica que os produtos da Galiza están gañando demanda neste mercado, polo que debemos potenciar a nosa presencia nel. Con todo, se estes aranceis afectan os nosos produtos traballaremos co Goberno estatal e a Unión Europea para garantir as medidas de compensación en busca de novos mercados que minimicen o impacto nas nosas empresas.

—Neste contexto, a automoción enfronta grandes desafíos.
É unha boa noticia que vaiamos seguir a traballar durante algúns anos máis, segundo a propia Stellantis manifestou. Con todo, o sector da automoción europea enfronta desafíos derivados de factores como os aranceis internacionais ou a competencia global, e sobre todo do coche eléctrico, porque os chineses están moi avanzados  con respecto a nós. É crucial que as administracións e o sector privado traballen para fortalecer a competitividade das nosas empresas.

Comentarios