A industria protagoniza a nova entrega de 'A Riqueza da Galiza'

Capas dos tres primeiros volumes da colección 'A Riqueza da Galiza 2025'. (Foto: Nós Diario)
Análise do pasado e do presente dun sector chave.

A colección 'A riqueza da Galiza 2025', dirixida pola doutora en Economía María do Carme García-Negro, continúa a súa andaina cun novo título que se incorpora este mes de abril aos fogares das lectoras e dos lectores de Nós Diario. Co gallo do quinto aniversario do xornal, esta serie de publicacións debulla o potencial económico da Galiza mediante volumes rigorosos, escritos en galego e pensados para todas as persoas que queren coñecer máis o país. Os libros son un agasallo para as persoas subscritoras de Nós Diario, mais tamén están á venda nas mellores librarías.

O cuarto volume da colección leva por título A industria onte e hoxe e está asinado por dúas voces de referencia na análise económica: Edelmiro López, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, e Xoán Carmona, catedrático de Historia Económica da USC. A través dunha ollada que combina coñecemento histórico e perspectiva contemporánea, o libro aborda a evolución da industria galega, desde as súas primeiras manifestacións até o seu papel na economía actual. Con rigor e vontade pedagóxica, os autores convidan a reflexionar sobre o pasado, o presente e os desafíos de futuro dun sector clave para o desenvolvemento galego.

Con esta entrega, 'A riqueza da Galiza 2025' continúa a súa vocación de construír un relato colectivo, coral e en positivo sobre o país. Un relato que xa comezou con tres volumes que tiveron excelente acollida. En xaneiro, A produción agroalimentar e forestal, dos profesores da USC Bernardo Valdês e Mar Pérez, abriu a colección cunha análise rigorosa das actividades produtivas vencelladas ao medio rural e o aproveitamento sostíbel dos recursos naturais. En febreiro, Mar, industria e soberanía alimentaria, do economista da USC Gonzalo Rodríguez, achegou unha ollada crítica e propositiva sobre o papel do mar na economía galega e os desafíos da soberanía alimentaria. E en marzo, Pasado e presente da vivenda en Galiza, da man do profesor da USC Manuel Vilas, explorou a evolución do acceso á vivenda no país e os retos actuais en termos de dereitos habitacionais.

Máis por vir

O que aínda está por chegar  promete manter o nivel de calidade e interese dos volumes xa publicados. Así, novas entregas abordarán eidos estratéxicos da economía galegas. Os profesores de Economía Financeira da USC Pablo Durán e Celia López e o catedrático desta área Luís Otero afondarán no sector financeiro. O doutor en Arquitectura Iago Lestegás asina o volume centrado no papel do turismo e o profesor da USC Alberto Turnes fará o propio sobre o papel do Estado na economía galega.

A responsábel do gabinete de Economía da CIG, Natividad López, aborda a forza laboral galega; o técnico do Igape Pedro Sálamo escribirá sobre o sector exterior; mentres que o profesor da USC Miguel Pazos asinará o libro sobre o transporte e a mobilidade, claves para a vertebración territorial.