Entrevista

Gonzalo Rodríguez, profesor de Economía Aplicada da USC: "Renunciar a producir sostibelmente alimentos é unha irresponsabilidade"

O profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Gonzalo Rodríguez, é o autor de 'Mar, industria e soberanía alimentaria', o segundo libro da colección de dez volumes 'A Riqueza da Galiza 2025', coa que Nós Diario celebra o seu quinto aniversario neste ano.
O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gonzalo Rodríguez. (Foto: Arxina)
O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gonzalo Rodríguez. (Foto: Arxina)

—A pesca como actividade económica representa máis de 4% do PIB galego; non obstante, empregas outras medidas que dan conta da súa importancia na economía galega. Por que?
Que a produción pesqueira teña un peso moito máis elevado que noutras zonas é un dato relevante porque nos indica que esa actividade non responde só á demanda local, senón que tamén, e de forma certamente competitiva, ás necesidades do resto do mundo. No caso da industria do mar, non é relevante só por si mesma, senón que tamén polo modo no que convive co resto do sistema económico, social, cultural e natural galego.

—E mesmo na localización territorial?
Efectivamente, o complexo mar-industria é un factor de xustiza territorial. A actividade económica tende a concentrarse e, a medida que isto sucede, determinados territorios empezan a quedar postergados. A localización histórica de portos, conserveiras, salgaduras ou frigoríficos ao longo de toda a costa galega contribuíu a que zonas como A Costa da Morte e comarcas como O Ortegal ou A Mariña capearan de mellor maneira os efectos de estar fóra dese eixo concentrador que é a AP-9. A pesca suma en Vigo ou na Coruña, mais tamén en Rinlo, O Barqueiro ou Corme.

Capa do ensaio de Gonzalo Rodríguez.
Capa do ensaio de Gonzalo Rodríguez.

—Hai no teu libro unha idea forza que está presente desde a introdución ao epílogo: a pesca produce pescado que é un alimento. É logo tan relevante o que se produce?
A actividade económica non pode ser xulgada sen un criterio ético, sen preguntármonos, para que? O obxectivo da economía é proporcionar o sustento, e debemos xulgala en base á súa capacidade para proporcionalo; por iso, como sociedade, debemos coidar especialmente aquilo que é imprescindíbel para o sustento. Cunha poboación mundial futura, calcúlase, de 9.500 millóns de habitantes, cunha presión notábel sobre os recursos, renunciar á capacidade de producir sostibelmente alimentos é unha irresponsabilidade. Sobre todo, porque o coñecemento para pescar ou a capacidade de producir pescado non son como un libro que poidamos fechar ou arrombalo na biblioteca e recuperalo 30 anos despois, senón un sistema vivo: ou flúe, ou morre.

Comer non é simplemente nutrirse, é unha relación social, un acto cultural significante, un encontro cos outros sobre cuxos termos non podemos ser pasivamente aceptantes.

—Non obstante, tiñamos entendido que, como economía, especializarse en actividades modernas e rendíbeis daba moito mellor resultado desde a perspectiva do crecemento económico, en comparación coa pesca ou coas actividades agro-gandeiras.
A clasificación das actividades en primarias, secundarias e terciarias dá soporte á idea convencional de desenvolvemento: o que fan os países desenvolvidos e estes pivotan sobre a industria e os servizos. Esta hipótese asumía, ademais do carácter estático da agricultura e a pesca, a compartimentación entre os tres sectores. Algo que, quizais, podía ser intuitivamente correcto no século XIX, mais non no XXI. A produción de sementes da multinacional Monsanto é unha actividade primaria, secundaria ou terciaria? Na pesca, producir pescado é pór a disposición dos consumidores nas condicións socialmente estabelecidas: cómpre monitorear o medio, pescar, tamén transformar e preparar, transportar, comunicar, dar servizo e garantía e mesmo xerar intanxíbeis. En síntese: non hai  compartimentos.

Porén, o chamado sector primario foi identificado co subdesenvolvemento no imaxinario colectivo. Hoxe, o desenvolvemento non é entendido como crecemento, e tampouco hai actividades que sobrevivan alleas ao cambio tecnolóxico e illadas do resto da cadea de valor e das condicións institucionais das sociedades nas que se localizan.

—Pódeste referir á importancia da soberanía alimentaria. É relevante hoxe nunha economía mundial?
A soberanía implica capacidade de decisión, polo que ninguén querería renunciar a isto nin nun sentido estratéxico, cedéndoa innecesariamente a outros, nin tampouco nun sentido democrático. Co primeiro non me refiro a optar entre un alimento ou outro, senón á garantía de suficiencia alimenticia. Tamén nos referimos a decidir sobre que comemos, como se produce ou quen o produce. Así mesmo ao dereito a preservar a parte da cultura e das relacións sociais asociadas coa comida.

—Queremos saber se a unión co mar que se vive coa práctica do surf, do que es amador, fixo que observaras as leis de vida dos nosos recursos. Hai tamén ética en coidar o que temos?
Penso que si. Unha das cousas bonitas, auténticas, se me permite a expresión, do surf é como a natureza impón as súas condicións. Non podes ir contra o mar, ao igual que non podes ir contra a natureza. Facer deporte nunha piscina cuberta ou nun pavillón pode xerar a ilusión de que nos sobrepoñemos ou nos impoñemos ao medio natural, xa que podemos facer deporte día e noite, chova, apedre ou faga sol, a temperatura constante, un comportamento que, inconscientemente, reforza a lóxica do tecno-optimismo.

No surf isto non sucede, hai que ter en conta a dirección e a intensidade do vento, o mar de fondo, a dirección, o tamaño e frecuencia das ondas, as mareas, as correntes, os fondos... só podes adaptarte, o mar explícache isto dunha forma fermosa.

Unha radiografía do conxunto da economía galega

A colección 'A Riqueza da Galiza 2025' está dirixida pola doutora en Economía María do Carme García-Negro. Este libro, asinado por Gonzalo Rodríguez, distribuirase na última semana de febreiro. As dez publicacións obsequiaranse ao longo do ano ás subscritoras e aos subscritores que o solicitasen. Distribúense co xornal para as persoas cunha subscrición en papel a Nós Diario e por correo postal ás da edición dixital, e poderanse tamén adquirir en librarías por un custo de 15,60 euros cada libro.

Comentarios