Iberdrola vs Repsol: as multinacionais enfróntanse no primeiro xuízo por 'greenwashing' do Estado español

Trátase dun caso inédito, por primeira vez terá lugar un xuízo por 'greenwashing' no Estado español, e a contenda é entre dúas grandes multinacionais, Iberdrola e Repsol. A enerxética é quen acusa a petroleira de exercer este tipo de prácticas enganosas de márketing ao amosar na súa publicidade unha imaxe de defensa do medio ambiente mentres promove o uso de carburantes. Porén, a firma de combustíbeis argumenta que o obxectivo da demandante é frear a súa entrada no negocio da electricidade.
O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, e o de Repsol, Antonio Brufau. (Foto: Eduardo Parra / Diego Radamés / Europa Press)
O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, e o de Repsol, Antonio Brufau. (Foto: Eduardo Parra / Diego Radamés / Europa Press)

Iberdrola e Repsol vense as caras esta quinta feira no Xulgado do Mercantil número 2 de Santander (capital de Cantabria) na demanda presentada pola eléctrica contra a petroleira por "competencia desleal" e "publicidade enganosa", no primeiro xuízo no Estado español entre empresas por 'greenwashing', unha técnica de márketing que consiste na acción de orientar a imaxe dunha organización ou empresa cara ao seu suposto compromiso ecolóxico ao tempo que realiza accións que van en contra do medio ambiente.

Con todo, a sentenza do inédito litixio tardará algo máis en ser pública e podería coñecerse entre finais deste ano ou principios de 2025. Xuridicamente a demanda é pioneira, xa que o 'greenwashing' como tal non é algo tipificado actualmente no ordenamento xurídico estatal. Pola súa parte, a Unión Europea (UE), que fixou como obxectivo prioritario a loita contra o cambio climático e require conseguir unha redución de emisións de 55% no horizonte de 2030 e a neutralidade climática de cara a 2050, si aprobou normativa de aplicación obrigatoria no ámbito enerxético sobre finanzas sostíbeis e protección das usuarias.

Neste sentido, existe unha directiva da UE sobre empoderamento das usuarias para a transición verde, aprobada en febreiro e que introduce normas específicas para facer fronte ás prácticas comerciais desleais que inducen a erros, como o 'greenwashing', mais aínda non foi trasposta no Estado español.
Precisamente en febreiro, Iberdrola interpuxo a súa demanda ao amparo da Lei de Competencia Desleal, baseándose nos artigos de actos de engano, omisións enganosas e publicidade ilícita no marco das campañas de publicidade e das comunicacións corporativas da petroleira. Na denuncia, a enerxética presidida por Ignacio Sánchez Galán acusa Repsol de promocionar iniciativas sostíbeis, "cando a súa oferta multiproduto busca fomentar o uso de carburantes", así como de "centrarse na sostibilidade, cando constitúe un elemento menor das súas actividades actuais".

O obxectivo de Iberdrola é solicitar que se declare que Repsol está a levar a cabo actos de competencia desleal, condenándoa a cesar na realización destes, prohibindo a súa reiteración e removendo os seus efectos. Así mesmo, pídese que se publique a sentenza por Repsol na apartado 'Sala de Prensa' da súa páxina web, e en radio e televisión, polo menos unha vez ao día durante unha semana, nas mesmas canles e na mesma faixa horaria e duración que tiveron os contidos declarados ilícitos, así como nos dous xornais estatais de maior circulación e nas redes sociais.

Máis aló destes fins, Iberdrola afirma querer pór o foco no denominado 'ecopostureo' e garantir que todo o mercado, e en especial as usuarias actuais e potenciais, poidan ter información veraz e transparente sobre as propostas das diferentes comercializadoras do mercado, abrindo un camiño xa explorado noutros Estados como os EUA, o Reino Unido, Alemaña ou Italia, onde a Xustiza xa adoptou medidas contra diversas compañías, principalmente petroleiras, por incorrer en 'greenwashing'.

Repsol defende a súa acción comunicativa

Pola súa parte, Repsol defende a acción que está a seguir na súa estratexia de transición enerxética, "co único obxectivo de ofrecer os bens e servizos que a sociedade demanda, a un prezo competitivo, coa menor pegada de carbono posíbel e garantindo á súa vez a subministración".

A petroleira di que a enerxética quere limitar o seu crecemento no mercado da electricidade

Ademais, afirma que en cinco anos converteuse nunha compañía multienerxética. Así, a compañía presidida por Antonio Brufau destaca que supera as 2,4 millóns de usuarias na súa oferta de electricidade na península Ibérica, situándose como a cuarta comercializadora do Estado. Tamén sinala que conta con dous xigawatts (XW) en renovábeis de capacidade instalada a nivel estatal, así como que conta con máis de 2.000 puntos de recarga eléctrica e grandes contratos con empresas deste sector.

A este respecto, o conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, asegurou que a demanda presentada por Iberdrola revelaba o "nerviosismo" da eléctrica e afirmou que con esta denuncia busca "limitar o crecemento" da petroleira no sector eléctrico. "A Repsol non a vai distraer unha demanda xudicial dunha empresa que non está afeita a competir nun mercado aberto, senón que máis ben está afeita a moverse en contornas reguladas que dependen do Boletín Oficial do Estado. Con esta demanda, carente de fundamento xurídico, o primeiro que demostran é que están nerviosos", afirmou Imaz.

Sanción a Telefónica

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) incoou esta semana un novo expediente sancionador contra Telefónica por un posíbel incumprimento dos compromisos que adquiriu cando comprou DTS, a antiga Sogecable, en 2015. O obxectivo das obrigacións asumidas por Telefónica, segundo indicou, é preservar a competencia nos mercados afectados por esta operación de concentración.

Xa a semana pasada, Competencia comunicou que abrira un expediente sancionador a Telefónica por incumprir compromisos adquiridos na compra da antiga Sogecable relacionados cos dereitos de emisión de contidos audiovisuais deportivos de terceiros. Agora, este novo expediente ten que ver con compromisos relativos á contratación de canles de contidos 'premium'.

Interconexión dos fixos

Por outra parte, a CNMC suprimiu a obrigación imposta a Telefónica de proporcionar a todos os operadores os servizos de interconexión de chamadas na súa rede de telefonía fixa a través de interface TDM, segundo figura no Boletín Oficial do Estado (BOE) publicado esta cuarta feira.

En concreto, Telefónica deixará de estar obrigada a prestar este servizo a partir do 27 de xaneiro de 2025, data estabelecida para o fechamento completo da interconexión TDM da empresa de telecomunicacións presidida por José María Álvarez-Pallete. 

Segundo detalla o BOE, o proceso de migración de tráfico da interconexión TDM a IP e o fechamento da mesma deberán realizarse de forma coordinada entre Telefónica e o resto de operadores afectados por esta mudanza e o seu progreso deberá ser informado á CNMC.

Bruxelas indemnizará PharmaMar

A Xustiza da Unión Europea (UE) condenou a Comisión Europea ao pagamento das custas no caso 'Aplidin' (plitidepsina) contra PharmaMar –empresa de orixe galega que actualmente ten sede en Madrid–, segundo informou esta cuarta feira a compañía farmacéutica á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

En concreto, os tribunais da UE ditaron un auto polo cal declaran que o caso queda sen obxecto e o procedemento xudicial sobresido, tras revogar Bruxelas a súa decisión inicial de non autorizar o 'Aplidin' (plitidepsina) para a súa comercialización.

En xullo, o Executivo da UE recoñeceu que durante a avaliación da plitidepsina produciuse un conflito de interese ao permitirse a participación no procedemento de autorización de comercialización dun experto do grupo científico consultivo que desenvolvía produtos rivais.

Comentarios