Iberdrola obtén beneficios de 2.408 millóns de euros de xaneiro a setembro

Parque eólico do Sil, en Nogueira de Ramuín. (Foto: Iberdrola)

A multinacional con sede en Bilbao é o primeiro operador hidráulico da Galiza e está a apostar forte por se facer con boa parte do ‘pastel eólico’ no noso país.

Iberdrola segue obtendo grandes beneficios no medio da polémica polo aumento do prezo da electricidade. Segundo informou a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), de xaneiro a setembro de 2021 gañou 2.408 millóns de euros, só un 10% menos con respecto ao mesmo período do ano anterior. Porén, se se exclúe o efecto dos elevados prezos da enerxía, os novos impostos e as partidas extraordinarias máis baixas, o seu beneficio neto axustado incrementouse un 5,2%, ata os 2.688 millóns de euros.

Iberdrola é o primeiro operador hidráulico da Galiza. A multinacional, con sede en Bilbo, conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros, téndolle renovado os Gobernos do Estado a licenza para continuar explotando diversas presas na Galiza máis alá do prazo fixado na concesión inicial. A empresa dirixida por Ignacio Sánchez Galán presenta como accionistas de referencia ao fondo soberano de Catar con 9,72%, a Kutxabank con 3,60%, a Norges Bank con 3,17% e ao fondo de investimentos estadounidense Blackroc.

Iberdrola, ademais, é impulsora na Galiza de boa parte dos proxectos eólicos, como o que procuraba instalar aeroxeneradores mariños en comarcas costeiras do norte do país, ou os que ameazan a terceira fortificación máis grande da Galiza

Nos nove primeiros meses do ano, a compañía acadou un beneficio bruto de explotación (Ebitda) de 8.165 millóns de euros (+10,7%), impulsado por Estados Unidos e Brasil. O 87% do total procedía de redes e renovábeis. Neste parámetro destaca, segundo Iberdrola, o impacto negativo do aumento dos prezos da enerxía no estado español e Reino Unido, así como as medidas normativas no Estado.

Neste contexto, a compañía afirma que rexistrou un "forte" comportamento da súa actividade nos nove primeiros meses de 2021, cuns investimentos que aumentaron un 6%, até os 7.036 millóns de euros, destinando o 77% aos mercados internacionais.

O 90% do total destes investimentos destináronse ao desenvolvemento de novos proxectos renovábeis, almacenamento e redes intelixentes. Os investimentos en redes aumentaron un 27%, ata os 3.185 millóns de euros.

Red Eléctrica, tamén

Outra compañía eléctrica que conseguiu abundantes beneficios é o Grupo Red Eléctrica, que obtivo un beneficio neto de 550,8 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano, o que supón un incremento do 8,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior.