Xustiza

Por que Iberdrola e catro directivos da empresa son sometidos a xuízo na Audiencia Nacional?

O presunto quebranto da compañia comezou a ser xulgado esta terza feira.
Ignacio Sánchez Galán, nunha Xunta de Accionistas de Iberdrola (Foto: Europa Press).
photo_camera Ignacio Sánchez Galán, nunha Xunta de Accionistas de Iberdrola (Foto: Europa Press).

Iberdrola e catro directivos da compañía enerxética están a ser sometidos a xuízo na Audiencia Nacional polo suposto sistema ideado en 2013 para aumentar o prezo da enerxía que vendía co fin de "provocar unha suba do prezo da enerxía eléctrica e prexudicar as persoas usuarias".

No auto, o xuíz detallou que, "para conseguir" un "maior prezo no mercado eléctrico", incrementaron o prezo nas ofertas de enerxía eléctrica da súas centrais hidráulicas do Sil (na Galiza), do Douro (en Castela e León), e do Texo (en Estremadura) entre os meses de novembro e decembro de 2013.

"Artificio urdido"

O instrutor sinalou que Iberdrola quebrantou "a orde de mérito das centrais no despacho de produción, provocou a redución de xeración eléctrica das centrais hidráulicas, e, como consecuencia, que as operacións de compra casasen coa enerxía procedente das centrais de ciclo combinado, de custo superior e nun rango de prezos tamén máis elevado situado entre os 80 e os 90 euros por megawatt á hora (MWh) fronte á media de prezos da enerxía proveniente das centrais hidráulicas situada entre 45 e 55 euros por MWh".

"A consecuencia do artificio urdido e levado a cabo polos acusados foi a suba do prezo da enerxía eléctrica en, polo menos, 7,156 euros por MWh, que ocasionou un prexuízo á demanda de, polo menos, 107.340.000 euros", apuntou o auto realizado polo maxistrado.

O xuíz impuxo a cada un dos catro directivos unha fianza de 107.534.666 euros. En concreto, 194.666 euros serían para garantir o pagamento das multas e os 107.340.000 euros restantes para garantir o pagamento das súas responsabilidades civís.

Comentarios