A hostalaría galega pide reforzar o control para evitar pór en risco a desescalada

A Federación Galega de Hostalaría (Hosfega) exixe abrir "xa" o ocio nocturno e equiparar os horarios dos negocios.
A hostalaría pide poder atender a clientela até a madrugada para evitar botellóns e condutas que poñan en risco a saúde das persoas (Foto: M.Dylan / Europa Press)
photo_camera A hostalaría pide poder atender a clientela até a madrugada para evitar botellóns e outras condutas de risco (Foto: M.Dylan / Europa Press)

A ponte das Letras Galegas será un bo momento para comprobar se persisten as actitudes "irresponsábeis" dalgunhas persoas que, após a fin do Estado de alarma, obviaron moitas das restricións aínda vixentes. 

Así o cre a xunta directiva da Federación Galega de Hostalaría (Hosfega), que onte remitiu un comunicado no que pide "responsabilidade" á poboación nesta fin de semana, ao tempo que empraza a Xunta a reconsiderar algunhas das medidas propostas para o sector. 

Neste senso, a presidenta da  Hosfega, Elena Vitoria Alonso, incidiu a Nós Diario na necesidade de "unificar criterios" para que non suceda "que haxa unha capacidade na Coruña e outra en Pontevedra, ou que un Concello pida uns metros cadrados para os baños e outro reclame outra  cifra distinta, cando somos empresas que temos todas as mesmas obrigas". 

Xunto a este "caos", a directiva tamén defende o papel de control que exerce a hostalaría fronte a situacións como as vividas a pasada fin de semana. "O descontrol, ademais de pór de relevancia a estupidez humana, tamén pon a necesidade de que abra o ocio nocturno, mais xa!"

Na mesma liña, exixe á Xunta unificar os criterios de apertura dos distintos negocios para que os locais de tapas tamén poidan abrir até a unha da madrugada.

Simplificar os trámites

Outra das reivindicacións da federación, que agrupa 14 asociacións con máis de 4.000 negocios representados, é dotar de "máis claridade" as normativas, xa que, denuncian, "logo recibimos chamadas de socios que non acaban de entender cuestións que non son claras, cuestións facilmente sancionábeis cando, ademais, estamos tremendamente controlados. De aí que debamos telas claras desde o minuto un".

Piden tamén "que se nos dea máis tempo cada vez que hai un cambio de normativa, porque á xente hai que sacala do ERTE". Neste senso, a presidenta de Hosfega recoñece que "non é fácil" lidar constantemente con dogas (en alusión ao Diario Oficial da Galiza), normativas e asesorías, "cos sobrecustos que xeran as xestións extraordinarias", lembra a directiva.

Sector golpeado  

Pese ao acontecido após a fin do estado de alarma, Elena Vitoria Alonso afirma que "nos nosos locais non temos medo de nada; imos operar como o facemos cada día. O medo é que o que pasa na rúa golpéanos a nós. Esbirra un en Curtis e fechan a hostalaría na Guarda. Vémonos coa espada de Damocles de que, aínda facendo as cousas ben, cando hai descontrol quen paga é a hostalaría, e dá medo". 

Por iso exixen "moito maior control sobre a rúa". Recorda que a normativa impide beber na rúa. Pois que se cumpra!", di.

A situación é tan delicada que non se atreven a facer plans. "Sacas alguén do ERTE cunha cautela extraordinaria, porque non sabes se imos ter que volver atrás. Sentímonos como palilleiras facendo encaixe", lamenta.

"Temos berrado, saído á rúa, camiñado até Madrid, acudido aos tribunais... máis non podemos facer. Só nos queda que os demais tamén fagan a súa parte e agardar que a situación empece a disiparse", conclúe.

Comentarios