Hostalaría.gal insta os locais galegos a participar do fechamento da próxima segunda feira

O BNG apoia as protestas e Hostalaría Compostela insiste en que comparte "o fondo, mais non a forma", polo que non as secundará.
Encontro entre representantes de BNG e Hostalaría.gal, este sábado, en Compostela. (Foto: Hostalaría.gal)
photo_camera Encontro entre representantes de BNG e Hostalaría.gal, este sábado, en Compostela. (Foto: Hostalaría.gal)

A asociación hostalaría.gal fixo un chamamento este sábado a que os locais de hostalería se sumen ao paro convocado para a próxima segunda feira, día 28, como protesta ante a suba do prezo da luz e do combustíbel, así como para "visibilizar" os efectos que isto está a ter no sector.

O presidente de hostalaría.gal, Lois Lopes, estivo acompañado da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen mostrou o seu apoio ao anuncio do fechamento e das demandas que fai o sector. Pontón explicou que a hostalaría é un sector "moi importante na Galiza", que abrangue "máis de 60.000 empregos e cunha gran contribución ao PIB", e que actualmente se está a ver "gravemente afectado pola pandemia e pola escalada de prezos da enerxía".

Por iso, Pontón considerou "imprescindíbel" negociar co sector un plan de axudas "vinculado ao mantemento e creación de emprego", algo no que Lopes coincidiu. Aliás, o presidente da asociación engadiu a necesidade de medidas para baixar os prezos dos carburantes e a enerxía.

Ante esta situación, Ana Pontón fixo referencia ao acordo alcanzado esta sexta feira no seo do Consello Europeo para crear a "excepción ibérica" que permitirá a España e Portugal implantar medidas para baixar o prezo da luz e do combustíbel, algo que espera que "se concrete" e se poña en marcha cando antes "porque hai moitas familias, empresas e sectores afectados que xa non poden aguantar máis".

Ademais, Pontón insistiu en que é "grave" que "coa que está a caer na Galiza" ningunha das medidas anunciadas por Feixoo estea publicada no DOG. "Os gandeiros, o sector pesqueiro, o sector da hostalaría, o sector de transporte... Non viven de promesas e o que necesitan son gobernos que estean á altura e non en campaña electoral interna", resolveu.

Pola súa parte, o presidente de hostalaría.gal explicou que a pandemia deixou o sector "contra as cordas" e agora a situación está a verse agravada pola suba do prezo da enerxía, de produtos fundamentais como a fariña, o azucre ou o chocolate e o do combustíbel.

"Moitas empresas xa pasaron da falta de liquidez á falta de solvencia, o que sabemos que é o paso antes da creba", coa consecuente perda de postos de traballo, incidiu Lopes.

Hostalaría Compostela desmárcase

Noutra orde, a asociación Hostalaría Compostela emitiu este sábado un comunicado no que afirma compartir "as reivindicacións doutras entidades pola grave situación que atravesa o sector debido ao incremento dos prezos enerxéticos e das materias primas", se ben se desmarca do fechamento da segunda feira porque comparte "o fondo", e non "a forma na que se convocou".

Comentarios