Hostalaria.gal exixe medidas pola vaga de roubos en Noia e a súa comarca

A asociación galega Hostalaría.gal cre que os asaltos que se incrementaron nos últimos meses teñen un impacto moi negativo na economía destes negocios e causan inseguridade e temor no conxunto da veciñanza.

Estabelecementos hostaleiros na Alameda de Noia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Estabelecementos hostaleiros na Alameda de Noia (Foto: Nós Diario).

Os comercios e a hostalaría da vila de Noia e a súa comarca están a vivir o pesadelo do incremento de roubos nos seus estabelecementos.

No mes de agosto xa algúns deles informaban de polo menos tres na zona do centro, algúns de pouca cantidade de diñeiro mais si de danos de certo valor. Noutros casos os importes substraídos superaron os 1.000 euros.

Esta mesma semana, segundo transcendeu, dous foron os negocios afectados por esta situación en Noia. En total, máis de dez locais de hostalaría padeceron roubos nos últimos meses. 

Diante desta situación, a asociación empresarial Hostalaria.gal, a través dun comunicado, amosou a súa “preocupación” polo que consideran unha “prolongada e persistente sucesión de asaltos a establecementos do sector”.

Desde este colectivo hostaleiro pídeselle “tanto ás autoridades municipais como aos responsábeis dos corpos e forzas de seguridade que busquen unha solución inmediata a uns sucesos que están causando unha fonda intranquilidade nas empresas e os seus traballadores”.

Hostalaría indefensa

A hostalaría de Noia transmitiulle a esta entidade a denuncia “que se sente indefensa diante da inseguridade xerada por reiterados roubos desde hai xa meses, que ademais teñen unha repercusión moi negativa tanto en perdas como á hora de desempeñar con normalidade a actividade”.

Desde Hostalaría.gal concretan a súa petición de que “diante das demandas realizadas polos nosos asociados na vila de Noia, Hostalaria.gal exixe que se reforce a seguridade de forma particular polas noites, que é cando se están a producir a maior cantidade dos asaltos aos estabelecementos”.

Moitos dos negocios tomaron precaucións e xa están a levar a recadación diaria para que non estea nos horarios en que se producen os roubos.

Comentarios