O Goberno español prohibe a manifestación da CIG con motivo do Foro da Toxa

O presidente español Pedro Sánchez, na xornada de clausura da edición do Foro A Toxa en 2020 (Imaxe: Europa Press).

A subdelegación do Goberno español en Pontevedra vén de “prohibir a realización da manifestación” que a CIG tiña previsto desenvolver o vindeiro día 1 de outubro, das 10 ás 14 horas, coincidindo coa última xornada do III Foro da Toxa.

A mobilización da CIG perseguía denuncia “a estafa dos prezos da enerxía eléctrica, o fechamento de oficinas bancarias que a Xunta financia con subvencións a caixeiros e a grave crise económica, industrial e laboral que padece a Galiza”, explica o sindicato nun comunicado enviado aos medios.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, puxo de manifesto a súa “indignación” ante a prohibición desta manifestación, que en anteriores edicións se desenvolveu “con total normalidade”.

Carril cre “indignante” que se deneguen mobilizacións da clase traballadora e que, porén, se autoricen, “sen pudor algún, manifestacións fascistas e supremacistas ao longo e ancho do Estado”.

No marco da decisión do Goberno español, a CIG anunciou a presentación dun recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ante o que considera unha “vulneración do dereito fundamental de expresión e do dereito de manifestación”.

O III Foro da Toxa, presidido polo ex ministro do PP Josep Piqué, ten previsto desenvolver, na xornada de clausura, dous relatorios. En “Os protagonistas da recuperación” estará o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, “entidade á que a Xunta de Galiza subvenciona a instalación de caixeiros, mentres fecha oficinas, despide persoal e deixa sen atención financeira a miles de persoas no rural galego”, explica a CIG.

E en “O compromiso ambiental. Un reto urxente” participará o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, “unha das multinacionais responsábel da alza imparábel dos prezos da electricidade e do espolio dos nosos recursos naturais”.

A central sindical chama a participar masivamente nas mobilizacións que ten convocadas para o domingo día 3 de outubro en cidades e vilas galegas contra “a estafa da luz” e para denunciar tamén a impunidade de quen a están perpetrando.