O Goberno español pide máis información ás operadoras eléctricas para concretar as causas do apagamento
O Goberno do Estado ten previsto cursar por escrito novas peticións dirixidas ás operadoras eléctricas para completar a reconstrución do incidente do apagamento do pasado 28 de abril, pedindo tamén información sobre as horas previas e as referidas ao proceso de reposición.
Polo momento, segundo explicaron fontes do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a Europa Press, o Goberno recibiu gran parte da información solicitada inicialmente aos axentes do sistema. Con todo, dada a complexidade técnica para a obtención de certos datos, hai algúns que aínda están a ser recompilados polos axentes, o que levou ao Goberno a cursar de novo algunhas peticións.
O comité de análise das circunstancias que concorreron na crise de electricidade do 28 de abril reuniuse esta cuarta feira por primeira vez no Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e, esta quinta, a titular do ramo, Sara Aagesen, reuniuse coa presidenta da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).
Do mesmo xeito, está previsto que Aagesen se reúna esta sexta feira coa súa homóloga de Portugal e o sábado manteña unha nova reunión do comité de análise, esta vez na sede de Rede Eléctrica (Redeia).
Seguimento da "volta á normalidade"
Por outra parte, o Executivo estatal, a través do ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, reuniu un comité de apoio ao Consello de Seguridade Estatal para avaliar a volta á normalidade. Bolanospresidiu unha sesión do Comité de Situación, na que se fixo seguimento, na fase de retorno á normalidade, tras o corte na subministración eléctrica que afectou a Península Ibérica.
O Comité de Situación desempeña funcións de apoio ao Consello de Seguridade Nacional e enmárcase dentro do sistema de seguridade estatal, o cal se mantén permanentemente activo mediante unha rede de mecanismos de ligazón e coordinación. Esta rede, segundo destaca nunha nota o Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, está apoiada polos organismos de xestión de crise de carácter ministerial e por outras entidades públicas dependentes, así como polas funcións propias do Departamento de Seguridade.
Segundo detallou o departamento que encabeza Bolaños, á cita desta quinta asistiron, tanto presencial como de maneira telemática, representantes dos ministerios de Asuntos Exteriores, Defensa, Facenda, Interior, Transportes, Traballo, Industria, Agricultura, Política Territorial; Transición Ecolóxica, Economía, Sanidade, Ciencia e Transformación Dixital.

