O Goberno do Estado pon fin ao desconto xeneralizado dos combustíbeis

O consumo de combustíbeis aumentou no último ano (Europa Press).
A axuda continúa para a frota, transportistas, agricultores e navieiras.

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira a eliminación da bonificación xeneralizada ao combustíbel para o ano 2023. O desconto de 20 céntimos por litro manterase exclusivamente para transportistas, agricultores, navieiras e a frota.

Desta maneira, a bonificación desaparecerá o próximo 1 de xaneiro para as e os clientes particulares. 

A prórroga do desconto de 20 céntimos por litro para o transporte por estrada aboarase ao final de cada mes. Para os agricultores, a axuda directa polo citado importe aplicarase mediante a devolución do imposto especial de hidrocarburos. A medida ten un custo de 240 millóns de euros. 

Durante a súa comparecencia tras a reunión do Consello de Ministros que decorreu esta terza feira, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sinalou que a evolución dos prezos dos carburantes nas últimas semanas "foi favorábel", co que xustificaría que a bonificación non se prorrogue para a poboación xeral. 

O desconto de 20 céntimos en carburantes aplicouse primeiro até o 30 de xuño a través do primeiro plan de resposta á crise de prezos, aprobado a finais de marzo. Logo, prorrogouse en xuño coa aprobación do segundo plan, supoñendo finalmente un investimento de máis de 4.000 millóns de euros. Este podería ser un dos principais motivos polos que o Executivo decidiu eliminar a bonificación, así como o seu carácter regresivo, xa que se aplica a todo a poboación por igual, independentemente da súa renda. 

Aumento do gasto en combustíbel

Desta maneira, a nova bonificación do combustíbel exclúe a poboación xeral, traballadoras e traballadores que precisan desprazase en automóbil particular para desenvolver as súas funcións laborais (70,5% das galegas e galegos empregados, segundo datos Instituto Nacional de Estatística) ou simplemente para chegar ao seu posto de traballo. Mais tamén exclúe da bonificación ao combustíbel as traballadoras e traballadores por contra propia que non pertencen aos sectores do transporte, pesca ou agro. 

Así, as galegas e galegos que se desprazan en coche particular para traballar ou estudar pagarán a partir do 1 de xaneiro o prezo íntegro do combustíbel. De manterse os prezos medios actuais, o diésel custaralle a poboación galega 1,661 euros o litro, e a gasolina, 1,585 euros o litro. Hai un ano, en decembro de 2021, o litro de diésel custaba unha media de 1,367 euros e a gasolina, 1,503 euros.

Á vista destes datos, encher un depósito de diésel de 50 litros custaríalle á poboación galega en xaneiro de 2023 uns 83 euros, fronte aos 68 euros que pagaba hai un ano e aos 73 euros que paga a día de hoxe co desconto de 20 céntimos por litro. 

Para as usuarias e os usuarios de vehículos que empregan gasolina a diferenza sería menor: de non haber cambios nos prezos deste carburante, encher o depósito en xaneiro custaría uns 79 euros, fronte aos 75 euros que pagaba a finais do ano 2021 e aos 69 que pagaría hoxe en día coa bonificación dos combustíbeis. 

Limita a 4% a suba das peaxes na AP-9 e AP-53

O Goberno español aprobou onte limitar a 4% a alza das peaxes na AP-9, AP-53 e outras nove autoestradas de pago no Estado en 2023 para mitigar o aumento das tarifas de 8,4% pola evolución do Índice de Prezos ao Consumo (IPC). O obxectivo, segundo destaca ou Ministerio de Transportes nun comunicado, é "axudar a cidadanía a afrontar o escenario actual".  O Real Decreto aprobado onte en Consello de Ministros, articula un mecanismo para conter a 4% o aumento das tarifas de 2023.

Transportes subvencionará entre 2023 e 2026 parte dos ingresos que as concesionarias deixasen de percibir pola contención do incremento das peaxes, explica. En concreto, habilita unha liña de 23,3 millóns de euros para financiar a redución do incremento das tarifas no exercicio que arranca 1 de xaneiro.