Gasolineiras de municipios de menos de 20.000 habitantes disporán de retirada de diñeiro en efectivo

Un home pon combustíbel nunha gasolineira de Ribadeo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O Goberno galego estima unha implantación gradual co horizonte posto en que no ano 2028 perto de 200 gasolineiras, a metade das que actualmente están adheridas á Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), poidan contar con sistemas de retirada de efectivo.

O Consello da Xunta da Galiza aprobou esta segunda feira unha nova orde de axudas para a modernización tecnolóxica e dixital das estacións de servizo do rural galego que permitirá, entre outras medidas, que poidan contar cun sistema de retirada de diñeiro en efectivo similar ao que se ofrece nos caixeiros automáticos das sucursais bancarias.

Todo isto nun contexto no que o proceso de reconversión financeira comezado após a crise de 2008 semella non tocar fondo. A denominada Gran Recesión tivo o seu epicentro no sistema financeiro, cuxo rescate para sanear unha entidades quebradas provocou unha posterior crise da débeda pública, que derivou nunhas políticas de axuste e desvalorización interna aplicadas polas autoridades políticas estatais atendendo as orientacións marcadas por organismos como o Banco Central Europeo (BCE) ou o Fondo Monetario Internacional (FMI).

Desta maneira, en concreto, o Goberno galego estima unha implantación gradual co horizonte posto en que no ano 2028 perto de 200 gasolineiras, a metade das que actualmente están adheridas á Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), poidan contar con sistemas de retirada de efectivo.

O obxectivo é que as persoas que viven en municipios de menos de 20.000 habitantes e que non teñan perto unha sucursal bancaria nin un caixeiro automático poidan achegarse á estación de servizo máis próxima e dispor de pequenas cantidades de diñeiro, "garantindo en todo momento a confidencialidade dos datos bancarios".

Así, o Goberno galego pretende actuar con cartos públicos en mans privadas para actuar sobre a carencia de servizos bancarios derivada dos recortes das entidades financeiras. As consecuencias desta política empresarial están á vista no sector financeiro existente na Galiza, onde até 1.468 oficinas bancarias fecharon desde 2008 (aínda cos datos do exercicio anterior), pasando de 2.481 sucursais a 1.013 en marzo de 2024, o que significou unha redución de 59,2%.

Asemade, os datos ofrecidos polo Banco de España avanzan que o ritmo do feche de sucursais bancarias ficou nuns niveis moi altos nos últimos anos, desaparecendo un total de 551 entre decembro de 2017 e marzo de 2024, o que representa unha diminución de 35,3% nun período de suposta estabilidade do sector. Neste sentido, a orde da Xunta non soluciona o problema dos servizos bancarios alén da retirada de efectivo.

Neste contexto, a orde impulsada desde a Consellería de Economía e Industria conta cunha dotación económica de 800.000 euros e inclúe, xunto coa actuación de disposición de efectivo, axudas para a instalación de grupos electróxenos que garantan a subministración de enerxía eléctrica no caso de producirse un apagamento como o ocorrido o pasado 28 de abril.

A nova orde de axudas está dirixida ás pemes legalmente constituídas e ao empresariado autónomo que sexan titulares de estacións de servizos situadas nos concellos galegos de menos de 20.000 habitantes (290 municipios). Cada solicitante poderá presentar unha única petición e esta poderá recoller unha ou varias das actuacións obxecto deste programa de apoios.

Deste modo, ademais da integración de sistemas e equipamentos para retirar diñeiro en efectivo, poderán solicitarse apoios para mellorar os métodos de pago ou a xestión operativa da propia estación de servizo, así como para a implantación de plataformas dixitais para optimizar o procedemento para a adquisición dos produtos e servizos ofrecidos no establecemento.

Tamén para incorporar sistemas e equipamentos dirixidos á mellora da seguridade das instalacións e aqueles que garantan os servizos ofrecidos pola gasolineira no caso de interrupción da subministración de enerxía eléctrica, ben a través de grupos electróxenos, ben a través de sistemas de alimentación ininterrompida ligados aos equipamentos dixitais.

Así mesmo, poderanse incluír tamén os custos de formación do persoal no uso das novas tecnoloxías e as obras necesarias asociadas á incorporación dos equipamentos mencionados. En canto á contía das axudas, será de 50% do orzamento cun máximo de 30.000 euros por beneficiaria, excepto no caso da instalación de grupos electróxenos, na que o apoio se incrementa até 80% cun máximo de 5.000 euros por beneficiaria.