Correos promete 80 caixeiros no rural e Abanca non fechar en 134 concellos

Escotet trata de pór freo ás criticas por excluír as persoas maiores dos servizos financeiros.
O delegado do Goberno español, onte, en Cenlle (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza).
photo_camera O delegado do Goberno español, onte, en Cenlle (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza).

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, visitou onte en Cenlle un dos tres caixeiros que a empresa pública Correos instalou en concellos do rural que non contaban até entón con servizos financeiros.

Trátase dunha iniciativa que persegue acabar coa exclusión financeira nestes municipios e que se suma ao proxecto Correos Cash, que permite facer operacións de efectivo e de pagamento de recibos e taxas a través dos carteiros rurais.

"Este servizo non ten que suplir a atención presencial", indicou Miñóns, quen anunciou que o obxectivo é instalar 80 caixeiros en concellos do rural nos que na actualidade non está presente ningunha entidade financeira.

O delegado tamén explicou que de momento só están adheridos ao programa dos carteiros rurais, que permitirán ás persoas que viven lonxe dun núcleo con servizos bancarios programar operacións de caixa só con identificarse e dar o nome da entidade,  o Banco Santander, Ibercaja e Banco Mediolanum, aínda que manteñen negociacións "avanzadas" con Abanca e as caixas rurais. 

Abanca 

Precisamente, a entidade galega, cuxo conselleiro delegado, Francisco Botas, lembraba a semana pasada, durante a presentación de resultados, que Correos só ten oficinas en 17 concellos nos que non hai servizos bancarios, anunciou onte o seu compromiso manter abertas as oficinas nos 134 municipios onde é a única entidade e de ampliar o horario de caixa para as persoas maiores.

Facíao após ser preguntado pola instalación de 39 caixeiros no rural que a Xunta adxudicou á entidade presidida por Juan Carlos Escotet a cambio dunha axuda de 2,88 millóns de euros.

Atención a persoas maiores

Respecto das modificacións, segundo explica Abanca nun comunicado, desde mañá ampliarase o horario de atención en caixa até as 14 horas para as persoas maiores que o necesiten, un servizo que só prestaba os días de cobro das pensións e que agora Abanca amplía a todos os días do mes.

Con estas medidas, a entidade trata de pór freo ás criticas por excluír as persoas maiores ao reducir a atención presencial e aumentar o fechamento de oficinas na Galiza ─fecharon medio cento en 2021─, que se fixeron visíbeis nas rúas, como a protesta que decorreu esta segunda feira ante unha das súas sucursais na Coruña e na que participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Comentarios