Galiza ten 4.018 muíños e 3% das patentes eólicas, Madrid ningún pero 12% das patentes

A patronal eólica publicou onte o seu estudo anual sobre a situación do sector no Estado. O traballo, elaborado pola consultora Deloitte, destaca unha especialización produtiva do negocio no espazo estatal e presenta Galiza como un dos primeiros produtores de electricidade de orixe eólica

mapa2_web
Patentes eólicas rexistradas por comunidades autónomas entre 2006 e 2020. (Fonte e deseño: Asociación Empresarial Eólica).

A asociación Empresarial Eólica, a patronal española das renovábeis, presentou onte o Estudo Macroeconómico do Impacto do Sector Eólico en España en 2023. O informe, encargado un ano máis á consultora Deloitte, sinala que entre 2006 e 2020 rexistráronse en Madrid 149 patentes eólicas, que representan 11,8% do total das presentadas no Estado para este período, malia non contar esa comunidade cun só megawatt (MW) instalado

Os datos de Madrid contrastan cos da Galiza. Neste caso, a potencia instalada suma 3.874 MW, 14% do total estatal, e o número de patentes eólicas rexistradas entre 2006 e 2020 é de 37, o que significa 2,9% do total estatal. A dinámica galega repítese noutros grandes territorios produtores, como Castela e León, con 6.517 MW de potencia instalada e 1% das patentes, ou Aragón, con 5.229 MW de potencia instalada e 3% das patentes.

O mapa do negocio no Estado debuxa unha particular especialización produtiva, onde os territorios do centro se especializan na produción tecnolóxica que xera alto valor engadido e as áreas da periferia na xeración de electricidade, unha actividade sen case retorno. Neste sentido, Euskadi con 0,5% do total produción estatal de orixe eólica conta con 17% das patentes e Catalunya con 4% da xeración eólica conta con 9% das patentes.

A economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e autora da primeira tese de doutoramento sobre o sector eólica na Galiza, Rosa Regueiro, indica a Nós Diario que “Madrid rexistra un elevado número de patentes eólicas porque alí están radicadas as sedes sociais das principais compañías eólicas”. Nesta orientación, avanza que “as innovacións non teñen lugar nos territorios produtores” e advirte de que “tecnoloxía e desenvolvemento é un todo que se retroalimenta, cando máis avance tecnolóxico hai máis posibilidades de desenvolvemento existen”. 

Regueiro destaca que “a situación se explica porque en Madrid están os centros de concentración do capital e os departamentos de I+D+i precisan nutrirse de forma intensa de capital e iso explica a elevada existencia de patentes alí”. Ao tempo, lembra que “o que hai detrás son os procesos de concentración de capital e os beneficios derivados deste modelo de desenvolvemento eólico”, uns beneficios "que aquí non quedan e os impostos tampouco se gravan aquí”.

O coordinador do volume Colonialismo energético e profesor da Universidade de Granada (UGR), Alberto Matarán, asegura a Nós Diario que esta realidade “é propia do colonialismo interno”. Neste sentido, revela que “as empresas eólicas, do mesmo modo que o capital financeiro, teñen os seus centros de poder nos territorios centrais, tanto dentro como fóra da península” e “o desenvolvemento tecnolóxico e as actividades de maior valor engadido, incluíndo os departamentos de xestión a distancia e os de I+D+i concéntranse nestes centros de poder”.

Os datos fornecidos pola Asociación Empresarial Eólica reflicten a boa saúde so sector na Galiza. Neste sentido, o relatorio explica que en 2023 Galiza xerou 9.022.000 MWh de electricidade de orixe eólica, sendo só superada nesta variábel por Castela e León, con 13.544.000 MWh; e por Aragón, con 11.933.000 MWh.

O documento desvela que no pasado exercicio a potencia eólica instalada no país era de 3.874 MW, un cifra só inferior á de Castela e León, Aragón e Castela-A Mancha. A este respecto, o informe conclúe que 79% da potencia total do Estado atópase en Castela e León, Aragón, Castela- A Mancha, Galiza e Andalucía.

A produción supera amplamente os consumos

As cifras de xeración eléctrica de orixe renovábel dos últimos anos certifican que a produción supera amplamente os consumos. Nesta liña, en 2023 produciu 17.987.088 MWh contando a electricidade de procedencia eólica, hidráulica e outras fontes renovábeis. Pola súa banda, o consumo de electricidade na Galiza nese ano colocouse en 13.167.524 MWh.

mapa1_web
Produción eólica por comunidades autónomas en 2023. (Fonte e deseño: Asociación Empresarial Eólica).

Os ingresos obtidos na Galiza polos operadores eólicos en 2023 son outro exemplo que contradí o relato sobre a parálise do sector. Neste sentido, a facturación marcou o seu terceiro mellor rexistro da serie histórica, como consecuencia do incremento da produción. A este respecto,  compañías eólicas con actividade no país obtiveron no pasado exercicio uns ingresos de 793,2 millóns de euros.

Galiza contaba en 2023 con 4.018 areoxeradores emprazados en 183 parques eólicos en funcionamento. Neste sentido, presenta a máis alta porcentaxe de municipios con centrais de produción eólica do conxunto do Estado, até o punto de contar con instalacións eólicas 51% dos concellos de Lugo e 46% dos concellos da Coruña.

Os datos do relatorio da patronal eólica indican que Galiza é o territorio do Estado con maior potencia eólica en superficie. Nesta orientación, rexistra 13,1 MW de potencia eólica instalada por cada 1.000 hectáreas, situándose a continuación Nafarroa con 13 MW de potencia instalada por cada 1.000 hectáreas de territorio.  

A patronal eólica acusa a Xunta de xerar inseguridade xuríxica

As críticas á política eólica da Xunta da Galiza formuladas nos últimos días polo conxunto das patronais eólicas pairaron sobre a rolda de prensa de presentación do Estudo Macroeconómico do Impacto do Sector Eólico en España en 2023 impulsado pola Asociación Empresarial Eólica e onde participaron a presidenta da entidade Rocío Sire, e o seu director xeral, Virgilio Márquez.

Os responsábeis da entidade, a preguntas dos xornalistas, rebaixaron o ton das críticas desta semana mais reiteraron os argumentos empregados no manifesto asinado coas outras patronais eólicas nesta semana. No mesmo, amosaban o “desacordo coas medidas propostas pola Xunta de Galiza, pois afectan de maneira inmediata ao sector renovábel rexional e a medio prazo ao conxunto do sector eléctrico. Medidas como as propostas terán como consecuencia inevitábel un aumento da incerteza e a litixiosidade no sector”.

As críticas da industria eólica referíanse á proposta do Goberno galego de repotenciar os parques de máis de 25 anos e rebaixar o prezo da electricidade para os usuarios dos territorios produtores. Porén, despois das emendas presentadas polo PP aos orzamentos da Xunta de 2025, está norma non afectará a potencia eólica instalada e en tramitación.

Comentarios