Galiza pode perder 200 millóns cos recortes previstos na PAC

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros (Foto: Xunta).
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias advirte que a negociación da Política Agraria Común (PAC) está "nun momento crucial" no que Galiza estase a xogar centos de millóns de euros, polo que exixe ao Goberno español que non acepte menos das contías do período actual.

Galiza pode perder 200 millóns de euros procedentes da política agraria común (PAC) no novo período (2021-2027) respecto do recibido no actual (2014-2020) se se aplica de forma proporcional aos distintos territorios o recorte previsto, ao redor de 10%, o que, segundo o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros, sería "unha hecatombe" para o sector.

Así se pronunciou Balseiros na comisión de agricultura do Parlamento galego, na que advertiu de que se está "nun momento crucial" e "tremendamente importante en canto ao posíbel resultado" desta política comunitaria.

Neste escenario, sinala, "Galiza está a actuar dunha forma leal", de apoio ao Goberno estatal, e confía en "ser capaces", co respaldo doutros países como Francia, "de darlle a volta a esta proposta e que a definitiva non teña ningunha redución e sexa polo menos a mesma que había até o de agora".

E é que a Xunta, subliñou, non entende que o orzamento comunitario se incremente "e con todo a PAC" sufra "unha redución de 10% aproximadamente". O que si comprende é "que como consecuencia da Covid-19 haxa que facer unha redistribución dos fondos", aínda que o alto cargo da Consellaría do Medio Rural cre que "non debe ser a conta da redución da PAC".

E é que, ao seu xuízo, a pandemia fixo ver "a representatividade e eficiencia" do sector primario, xa que agricultores e gandeiros "souberon seguir producindo nun momento complicado". "Se o recorte previsto de 10% se aplicase de forma proporcional aos distintos territorios, para Galiza significaría unha hecatombe, coa perda de 200 millóns de euros", incidiu.

Por iso, Silvestre José Balseiros mantén a esperanza de que da negociación saian "polo menos as mesmas contías que había até o de agora" e insistiu en que, "por baixo diso, o Goberno de España non debería pasar, e sentirase apoiado" pola Xunta co fin de que "haxa unha repartición xusta e equitativa destes fondos", engadiu.