As galegas afrontan as rebaixas con máis cartos pero menos intención de gasto

A Federación Galega de Comercio calcula que o gasto medio por persoa, sensibelmente inferior ao de 2019, rondará os 200 euros.
As tendas xa anuncian as rebaixas. (Xoán Roberes)
photo_camera As tendas xa anuncian as rebaixas de inverno. (Foto: Xoán Roberes)

O pasado 7 de xaneiro deuse por iniciada a campaña de rebaixas de inverno. As galegas e os galegos chegan a este período de descontos con máis cartos no peto, pero tamén con temor pola situación e incertezas que fan que o consumo se resinta.

Segundo unha análise de Fintonic, a taxa de aforro na Galiza aumentou de maneira considerábel en 2020, concretamente 8,5%, o que permite a cidadanía afrontar a 'costa de xaneiro' con máis marxe de gasto. Mais parece que a idea de boa parte da poboación é seguir enchendo o peto polo que poida vir. 

Así se desprende dos datos que manexa a Federación Galega de Comercio, que estima un consumo por persoa de entre 190 e 200 euros, o que representa entre 40 e 60 euros menos con respecto á campaña de rebaixas de inverno de 2020.

O presidente dos comerciantes galegos, Xosé María Seixas, recoñeceu que este gasto "é bastante menos que nas rebaixas anteriores", un feito que atribúe á "incerteza" pola pandemia, aparellada aos expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE) e ao paro, o que fará que moitos comercios "sufran". "A xente non sabe que vai ocorrer. Hai dúbidas sobre se se manterán os traballos, se seguirán os ERTE... Cando hai esta incerteza as vendas se retraen. E vese, porque o aforro está a subir", apunta.

Os descontos e promocións, que esta tempada se adiantaron máis que de costume pola necesidade de colocar o excedente de produto acumulado polo confinamento e as restricións, serán tamén máis elevados que outros anos. De feito, sinala Seixas, xa se observan anuncios con descontos de 50, 60 e até 70%.

Risco para o comercio 

Con estas campañas tan agresivas, advirte o presidente da Federación Galega, "o comerciante non pode subsistir porque hai que facer fronte aos gastos" e agora chega o momento de "devolver os préstamos" que se destinaron a afrontar a crise.

Neste senso, esixe que se volva regular o período de rebaixas xa que, desde que quedou desregularizado, as rebaixas "duran na práctica do 1 de xaneiro ao 31 de decembro", denuncia. "As rebaixas perderon a efectividade que tiñan. Agora é un descontrol, nin o consumidor nin o comerciante se decatan", lamenta Seixas.

Outro motivo de preocupación para o sector son as novas restricións á vista da evolución da pandemia que, advirte, "sería nefasto non só para este sector, senón para toda a economía".

Neste senso, Seixas lembrou que as restricións da mobilidade dos últimos meses afectaron "moito" ao comercio galego, e apuntou que o endurecemento de medidas relativas a horarios e capacidade podería pór o ramo a uns negocios que xa viron reducida a súa facturación e o volume de emprego. Segundo incidiu, moitas áreas comerciais das cidades e vilas medianas "viven das vendas de xente procedente da periferia".

Con todo, destacou a forte aposta do sector polo comercio en liña e por ter unha maior presenza nas redes sociais, unha vía que, recoñeceu, é esperanzadora mais non exenta de problemas, xa que a diversidade de plataformas existentes fai que os comerciantes acaben "loitando uns contra outros", lamentou.

Comentarios