O G7 confirma o acordo que exime as multinacionais dos EUA do pagamento do imposto mínimo de 15%
Os países do G7 anunciaron este sábado que as empresas multinacionais dos Estados Unidos non terán que pagar a taxa mínima de 15% no imposto de sociedades impulsada en 2021 pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). A decisión reforza o presidente Donald Trump, que advertira o resto de socios e potencias económicas mundiais con desquitarse con novas taxas, "de vinganza", se o seu non fose adiante.
"Tras os debates sobre este tema [...] existe un entendemento compartido de que un sistema paralelo podería preservar importantes avances logrados polas xurisdicións no Marco Inclusivo para abordar a erosión da base impoñíbel e o traslado de beneficios e brindar maior estabilidade e certeza ao sistema impositivo internacional no futuro", detalla o comunicado do G7.
Ameazas contra os desexos da Casa Branca
O secretario do Tesouro dos EUA, Scott Bessent, xa adiantara esta sexta feira que os impostos do coñecido como Piar 2 da OCDE "non se aplicarán ás empresas estadounidenses", agradecendo aos seus homólogos do G7 "a súa colaboración para lograr este resultado histórico".
O grupo de países que representa as sete principais economías do mundo asegurou alcanzar o acordo tras analizar o sistema impositivo de Estados Unidos e tras a eliminación da sección 889 do Proxecto de Lei 'Un, Grande, Fermoso', que o propio Bessent xa solicitara retirar e que permitía á Casa Branca impor represalias contra quen decidise aplicar o imposto ás multinacionais estadounidenses.
Así mesmo, o acordo asegura que os países cooperarán para abordar "calquera risco substancial" que se poida dar respecto ao en "igualdade de condicións" para "preservar os obxectivos de política común".
"A implementación dun sistema de cooperación bilateral facilitará un maior progreso para estabilizar o sistema tributario internacional, incluído un diálogo construtivo sobre a tributación da economía dixital e sobre a preservación da soberanía fiscal de todos os países", menciona o comunicado.
