O fundador de Blusens, posíbel comprador de 'El Correo Gallego’

José Ramón García, fundador da extinta compañía tecnolóxica Blusens e presidente da empresa de iluminación Moonoff, que interveu na loxística para transportar máscaras da China ao Estado español cando se declarou a pandemia da Covid-19, é un dos interesados en facerse con El Correo Gallego após declararse a Editorial Compostela en concurso voluntario de acredores.

O empresario compostelán José Ramón García (Imaxe: Europa Press).
photo_camera O empresario compostelán José Ramón García (Imaxe: Europa Press).

O auto do Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña polo cal se abre a fase de liquidación da empresa Editorial Compostela, propietaria do medio de comunicación El Correo Gallego e Radio Obradoiro, recolle a proposta vinculante da compra por parte dun terceiro.

Así, o documento afirma que “o solicitante achega proposta escrita vinculante de adquisición da unidade produtiva en funcionamento”. Segundo puido saber Nós Diario, José Ramón García, fundador de Blusens, sería o principal interesado na compra.

Participou do negocio das máscaras

O creador da empresa tecnolóxica é hoxe en día presidente, entre outras, da compañía de iluminación Moonoff, que intercedeu mediante as autoridades para facilitar os envíos de máscaras sanitarias da China ao Estado español cando escaseaban os protectores ao inicio da pandemia. García, coñecedor do mercado chinés, do que forman parte provedores da súa empresa de iluminación, recoñeceu nunha xornada organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección, en abril de 2020, que até entón “trouxemos máis de 35 millóns de máscaras a España”.

O empresario compostelán, Premio Nacional ao Mozo Emprendedor, fundou Blusens en 2002 e só catro anos despois fixo da compañía un referente no mercado tecnolóxico, nomeadamente de mp3 e reprodutores de DVD e audio. A compañía galega, que patrocinou o club de baloncesto Obradoiro, un equipo de motociclismo e o programa de televisión "Operación Triunfo", chegou a facturar en 2011 un total de 56 millóns ao ano. Porén, a situación da empresa foise complicando ao caer a facturación e aumentar a débeda e en 2014 entrou en concurso de acredores. En 2017 Blusens foi declarada definitivamente en creba e liquidada.

Problemas coa xustiza

En 2018, a Audiencia da Coruña ordenara a inhabilitación do empresario para exercer cargos de administrador ou apoderado en empresas durante un ano e medio por defraudar 800.000 euros na declaración do IVE da filial de compras de Blusens.

Ademais, foi detido en marzo de 2018 no marco da operación relacionada cun receptor da firma tecnolóxica que facilitaba o visionado de contidos “pirata”. A Fiscalía chegou a pedir para o fundador de Blusens un ano de cadea e unha multa de 3.200 euros por un delito contra a propiedade intelectual, mais as partes -a empresa que subministraba contidos de pago e o compostelán- chegaron a un acordo.

Resoltas as citadas causas, García é hoxe propietario de Visualiza Business, unha sociedade de investimento da quen fan parte un total de 20 empresas vinculadas, na súa maior parte, ao mundo tecnolóxico. Segundo declara na súa conta de Linkedin, totaliza “facturacións acumuladas superiores aos 500 millóns de euros” nas empresas fundadas por el.

‘El Correo Gallego’, en concurso de acredores

Esta quinta feira o Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña declarou nun auto en concurso de acredores Edicións Compostela, a petición desta, debido ao seu estado de insolvencia. O grupo propietario de El Correo Gallego fica agora en mans da administración concursal, a quen os acredores deberán comunicar os créditos no prazo dun mes.

A empresa, promotora dos premios “Gallego del Año”, tamén solicitou a apertura da fase de liquidación.

Comentarios