xoves 29/10/20

Foro 'La Toja': deturpación, 'todopirolos' e elitismo político e económico

O Foro Atlántico "La Toja", impulsado polo presidente do Grupo Hotusa, o chantadino Amancio López Seijas, leva ao seu nome oficial a forma deturpada do topónimo oficial A Toxa. Unha reunión, ademais, abrumadoramente masculina e na que se dan cita representantes da elite financeira e política.

Felipe de Borbón no Foro la Toja
Felipe de Borbón na inauguración do foro (Foto: Casa Real)

Segunda edición do Foro Atlántico 'La Toja', espazo de reflexión e debate que foxe da toponimia oficial para darlles acubillo a empresarios e políticos nun contorno privilexiado como é esta illa arousá. A Toxa ten nome de seu, pero non é o que figura nos carteis.

O topónimo galego “é a única forma oficial recoñecida segundo a lexislación vixente”, lembraba na primeira edicion desta cita a Nós Diario a Real Academia Galega, que “como institución con competencia sobre o idioma galego e o seu uso, só recoñece esta forma e lamenta que se empregue deturpada”.

Na mesma liña, e tamén naquela altura, o Consello da Cultura Galega aseguraba que serían de agradecer manifestacións explícitas no marco do propio foro facendo ver o mal uso de "La Toja". “A prol da diversidade lingüística cultural sería importante que alí se desatacase que ese lugar ten un topónimo oficial e autóctono, que é A Toxa”. E engade que “o uso da toponimia oficial está fixado por lei e os ámbitos nos que hai que empregala e demostrar un respecto máximo tamén están estabelecidos”. Para protestar por este asunto, haberá unha concentración mañá ás 18.00 horas na ponte da Toxa. A acción reivindicativa está convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Mais non é só a deturpación o que xera polémica sobre esta cita exclusiva, inaugurada polo rei español e que clausurará o presidente Pedro Sánchez o domingo, impulsada por un grupo empresarial baixo a polémica (“acusan Hotusa de usar as cancelacións por Coronavirus para facer despedimentos “selectivos”).

O feito de que apenas acudan mulleres a este cónclave amén foi destacado nestes días. Unha desas voces críticas foi a presidenta da Deputación da Pontevedra, Carmela Silva, que a través dunha carta mostra a súa “disconformidade, como muller e cargo público, coa presenza meramente testemuñal de voces femininas nunhas xornadas que deberían representar a opinión e o talento do conxunto da sociedade”.

Por cada muller participantes neste foro, dez homes. Unha proporción máis que clarificadora.

Nesta edición o debate céntrase na reflexión sobre a Covid e o mundo que virá, como reconstruílo. Por el pasarán ex presidentes como Felipe González e Mariano Raxoi, representantes da patronal, economistas, ex ministros, empresarios, tecnócratas, valedores do liberalismo... Nin unha soa voz de representantes do mundo do traballo, de colectivos cidadáns ou de entidades que defendan os servizos públicos.

O encontro é retransmitido ao vivo na segunda canle de TVG. Algo que non pasou desapercibido a profesionais e integrantes de diferentes colectivos sociais, que a través das redes sociais lamentaron que os medios públicos galegos non teñan ese 'compromiso' con outras actividades, citas e proxectos que hai na Galiza. 

comentarios