Folga na sanidade: O´Mega convocará paros na Atención Primario o vindeiro 2 de marzo
O sindicato denuncia a “falta de diálogo” da Consellaría de Sanidade da Xunta.
O sindicato médico O'Mega advertiu de que renovará a folga de médicos en Atención Primaria (AP) a partir do 2 de marzo ante a "falta de diálogo" por parte da Consellaría de Sanidade.
"A falta de resposta da Consellaría de Sanidade ás reivindicacións formuladas polos médicos e facultativos do Sergas, e que deran lugar a unha folga en novembro o pasado ano, provocará a continuación dos paros en todos os centros de Atención Primaria do sistema sanitario público galego, nos que traballan case 3.000 facultativos", anuncian nun comunicado.
A folga, de carácter indefinido, renovarase a partir do 2 de marzo. Retómase, apuntan, tras as declaracións coas que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou acordos de xestión para tratar de desconxestionar as axendas médicas en distintas áreas da Galiza.
O sindicato considera que as soluciones "economicistas" expostas polo conselleiro para tratar de garantir unha lista de agarda dun máximo de catro días en Atención Primaria están "condenadas ao fracaso" porque terán "un nulo impacto ao non ser negociadas cos verdadeiros representantes dos médicos e facultativos galegos e buscar como solución á falta de médicos a contratación de extracomunitarios, unha vía que xa fracasou cando foi proposta hai meses".
O´Mega lamenta que a Consellaría pretenda solucionar o problema "con máis burocracia e sobrecargando aínda máis o traballo dos facultativos cando nin sequera plasmáronse aínda as medidas pactadas cos sindicatos de clase para desmobilizar a folga de médicos do pasado mes de novembro e que os médicos xa consideraran no seu día totalmente insuficientes".
Ante esta situación, instan a pór en marcha un plan de choque que reduza a sobrecarga asistencial. Para iso, as súas reivindicacións pasan polo estabelecemento de axendas fechadas, cun máximo de 30 pacientes por xornada laboral, e incentivar economicamente a prolongación da xornada para atender a sobredemanda.
O sindicato exixe tamén a voluntariedade do traballo dos sábados, "que debería ser mellor remunerado nos Puntos de Atención Continuada (PAC)", e un reaxuste das presenzas nos PACs para manter un cociente de 30 pacientes por médico.
Aliás, o sindicato reclama a equiparación salarial entre os facultativos de Atención Primaria e "o fin da discriminación" na retribución dos complementos a pediatras, odontólogos e farmacéuticos.
"Só coa posta en marcha deste plan de choque será posíbel garantir o mantemento dunha asistencia sanitaria de calidade na Galiza", afirman, sinalando ademais que as declaracións do conselleiro "non fan máis que crear falsas expectativas que, ao final, traduciranse en frustración tanto de médicos como de usuarios da sanidade pública galega".

