A Fiscalía suíza investiga “posíbeis irregularidades” na adquisición de Credit Suisse

Sucursais de Credit Suisse e UBS, en Xenebra. (Foto: Europa Press / Lian Yi)

Credit Suisse foi adquirida polo seu competidor, UBS, nunha negociación amparada polo Estado suízo.  

A Fiscalía Xeral de Suíza anunciou este domingo a reapertura dunha investigación sobre a compra do banco Credit Suisse por parte do seu rival UBS para verificar que a operación se levou a cabo “de acordo coa lexislación pertinente”.

“A Fiscalía quere cumprir de maneira proactiva coa súa misión e responsabilidade de contribuír á limpeza do centro financeiro suízo e estabeleceu un mecanismo de supervisión ao respecto para tomar medidas inmediatas en calquera situación que se atope dentro do seu campo de actividade”, explicou a institución nun comunicado.

A Fiscalía considera que a operación comprende “numerosos aspectos que precisan ser investigados” para identificar calquera delito que poida caer dentro das súas competencias.

UBS adquiriu Credit Suisse o pasado 19 de marzo após unha negociación amparada polo Estado suízo e estimada en 3.000 millóns de francos suízos (3.020 millóns de euros).

A operación foi criticada por deputados de todo o espectro político suízo, que reprocharon ao Goberno o uso dos seus poderes de emerxencia para estender garantías financeiras a UBS apoiadas polos contribuíntes e silenciar a posíbel oposición dos accionistas.

Crise financeira

A compra de Credit Suisse por parte de UBS enmarcouse nas dificultades que o primeiro atravesou debido aos seus problemas internos, acrecentados pola desfavorábel conxuntura internacional no sector, desencadeada pola quebra do Silicon Valley Bank, nos Estados Unidos de América.

Após solicitar axuda pública (un préstamo de 54.000 euros), Credit Suisse foi adquirido polo seu competidor, UBS, un anuncio que non impediu que o valor das accións de ambas as entidades se derrubase 64% e 13%, respectivamente.