Argumenta que "a Xunta non ten competencias"

Feijóo recoñece que a venda do Popular-Pastor é “unha mala noticia” e escúdase en que a Xunta ten “cero competencias”

  • O presidente anuncia que pedirá ao Banco de Santander, que pasa ser segunda entidade en Galiza, “sensibilidade” cos traballadores da entidade adquirida.
  • Asegura que a Fundación Barrié ten garantidos os vindeiros doce anos.
Feijóo Xunta Consello de goberno

O presidente da Xunta recoñece que a compra por un euro do Banco Popular-Pastor, segunda entidade en Galiza cunha cota de mercado de 20%, polo Santander “é unha mala noticia”. Así o manifestou Núñez Feijóo na súa comparecencia após o Consello da Xunta para, a seguir, buscar a desculpa: a Xunta ten “cero competencias”. Nada podo facer, pois, vennos dicindo Feijóo perante a liquidación dunha marca histórica (Pastor), a perda de todo o seu investimento de 60.000 accionistas galegos, ou perante o escenario incerto que se abre para os centos de empregados do Popular-Pastor en Galiza. “Non temos competencias”, xustifica o presidente de Galiza. 

O que si se apresurou a anunciar Feijóo é que vai pedir “sensibilidade” ao Banco Santander para coas traballadoras e os traballadores na Galiza da entidade comprada por un euro. “Altura de miras” foi outra das expresións empregadas polo mandatario galego para deixar claro o que lle vai solicitar a Ana Botín e a ponte de mando do que vai ser o segundo banco no país Galiza, o Santander.

O presidente recoñece que o escenario que se abre presenta problemas, tanto polos 30.000 galegos que perderon todo o investido, como polos 110 concellos onde hai duplicidade de sucursais entre Santander e Popular-Pastor, o que agoira fechamento de oficinas e aumento do paro.

Iso si, quixo asegurar que a Fundación Barrié ten garantida a viabilidade durante unha ducia de anos. Por xestión da Xunta? Non, polo convenio de arrendamentos asinado no seu día entre a Fundación e o Pastor e que o Popular aceptou subrogar en 2011, cando mercado o banco galego.

Reaccións

Para En Marea, a venda do Popular-Pastor é “o novo espolio” no que “unha vez máis gaña a Banca” e perden “Galiza e os traballadores”. Así o manifestaron Yolanda Díaz, e o deputado no Parlamento de Galicia, Manuel Lago. “Hoxe a economía galega está máis feble que onte”, aseverou Lago, mentres Díaz denunciou que esta operación se fixo “coa complicidade e o silencio do poder político e dos supostos órganos reguladores”.  “Hoxe Galiza queda liquidada, xa non ten un sistema financeiro grazas ás políticas do Partido Popular pero especialmente do señor Feijóo”.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, mostrou a súa preocupación polos efectos que a "desaparición" do Popular-Pastor pode ter en Galiza ao tempo que advertiu das consecuencias negativas que eventualmente poden decorrer para os consumidores da concentración do sistema financeiro. "Porque dous dos bancos máis importantes van dispor de tres cuartas partes do sistema financeiro e isto é un risco para os consumidores", sinalou.

Comentarios