A venda do Popular abre incógnitas sobre o futuro do patrimonio cultural e artístico da Fundación Barrié

A principal vía de financiamento da Fundación, os dividendos das súas accións no Popular, fica comprometida ao caer a 0 o valor das participacións do banco.

arias
photo_camera José María Arias, presidente da Fundación, o segundo pola esquerda, nun acto realizado en Madrid

As consecuencias da quebra do Banco Popular xa están aquí. Ao encerramento de oficinas, como consecuencia das duplicidades entre o Santander e Popular en 110 localidades galegas, á destrución de emprego -o Popular ten arredor de 850 traballadores en Galiza, a grande maioría dos cales por baixo dos 55 anos- ou ao quebranto aos accionistas -máis de 60.000 dos 300.000 totais son galegos- súmaselle a situación en que fica a Fundación Barrié de la Maza.

A entidade, con sede na Coruña e en Vigo, presidida polo antigo presidente do Banco Pastor Xosé María Arias, finánciase cos dividendos procedentes das accións que posuía do Banco Popular, arredor de 1,5 por cento, ben como de determinados alugueiros que o banco madrileño pagaba conforme ao acordado no contrato de venda do Banco Pastor.

A Fundación Barrié é propietaria dun importante corpo documental e dunha relevante colección artística. A biblioteca, formada por máis de 40.000 volumes, centos de coleccións xornalísticas, e dun inxente arquivo, atesoura, entre outros, os fondos de Carlos Martínez Barbeito, Domingo García Sabell, Víctor Said Armesto ou o Arquivo da Sociedade Economica de Amigos do País de Compostela. Merecen especial relevo dentro do legado de Martínez Barbeito, cuxos primeiros fondos correspóndense co século XVI, o material procedente do arquivo do seu avó, o editor, historiador e rexionalista André Martínez Salazar, así como unha colección cartográfica que pasa por ser das máis importantes de Europa. Os fondos de Domingo García Sabell non só recollen a súa correspondencia e os seus arquivos persoais, sen dúbida chave para entender a segunda metade do século XX galego, senón que na mesma atópanse outras achegas, como a biblioteca, a correspondencia e a documentación de Manuel Antonio que o médico compostelán apañou de xeito arteiro da casa do poeta de Rianxo.

A colección artística non fica atrás en relevo, mesturando xunto ao nutrido fondo galego pezas de artistas internacionais de diferentes escolas e épocas. Unha das últimas iniciativas postas en marcha neste ámbito, concretamente en 2008, é a Colección de Arte Contemporánea Internacional, con criadores como Jean-Marc Bustamante, Günther Förg, Ignasi Aballí, Imi Knoebel, Jessica Stockholder, José Pedro Croft, Katharina Grosse ou os galegos Ánxela de la Cruz, Suso Fandiño, Álvaro Negro ou  Manuel Vilariño. A Fundación Barrié de La Maza acolle, tamén, no seu catálogo algúns dos nomes máis significativos da pintura galega do século XIX e XX, como Sotomayor, Seoane, Bello Piñeiro, Díaz Baliño, Mosquera, Xulia Minguillón, Avendaño ou Francisco Lloréns. Precisamente deste último pintor, coetáneo e amigo dos nosos grandes nomes do Rexurdimento, dispón de máis de 40 obras que permiten percorrer as súas diversas etapas

As iniciativas da Barrié sucédense en ámbitos ben diversos. Así atopámola no ámbito educativo e investigador con diversos proxectos e bolsas, no campo editorial, financiando coleccións da Academia Galega ou do Instituto Padre Sarmiento e tamén en actuacións de recuperación do patrimonio histórico. Neste sentido, debemos sinalar a súa iniciativa máis ambiciosa no momento, a rehabilitación do Pórtico da Gloria, actuación iniciada vai para algúns anos, actualmente parada e cuxo futuro é a cada momento máis incerto.

Os directivos da Fundación Barrié manteñen o máis absoluto silencio, pero semellan seguras as súas dificultades, unha vez que perderon os dividendos do Popular e con práctica seguridade vanse revocar os contratos de alugueiros. Está por coñecer a folla de rota prevista por parte dos titulares da Fundación Barrié de la Maza; en todo caso, correspóndelles aos poderes públicos garantir que todo ese fondo documental e artístico non poida saír do País ou ser vendido.

Comentarios