Falece o empresario Alfonso Paz-Andrade tras sufrir un accidente co seu vehículo en Gondomar

Fillo do empresario e político galeguista Valentín Paz-Andrade, desenvolveu a súa longa traxectoria profesional sempre vinculado ao mundo da pesca. Foi membro, entre outros órganos, do Consello da Cultura Galega, Fundación Castelao e as fundacións Neira Vilas, Luís Seoane, ou Galiza-Europa.
alfonso paz andrade

O empresario Alfonso Paz-Andrade faleceu esta segunda feira tras sufrir un accidente de tráfico ao impactar co seu vehículo contra unha vivenda en Gondomar. Os feitos tiveron lugar sobre as 15,20 horas, cando un particular notificou a saída de vía dun turismo e a súa colisión contra unha vivenda situada no lugar de Area, na parroquia de Peitieiros, ao 112 Galiza.

Pola súa banda, os xestores do centro de atención ás emerxencias pasaron aviso á Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e o servizo de mantemento da estrada. Ademais, solicitaron a intervención das urxencias sanitarias do 061, os bombeiros de Val Miñor e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) ante a sospeita de que o condutor e único ocupante do vehículo puidese atoparse atrapado.

Unha vez no lugar, os profesionais sanitarios confirmaron o falecemento deste home e os efectivos do GES procederon á excarceración do corpo.

Paz-Andrade, de 80 anos de idade e fillo do empresario e político galeguista Valentín Paz-Andrade, desenvolveu a súa longa traxectoria profesional sempre vinculado ao mundo da pesca e a maquinaria naval. Fundador da empresa Ibercisa, incorporouse a finais dos 70 á dirección de Pescanova.

En 2007 abandonou o Consello da pesqueira, aínda que seguiu sendo un dos principais accionistas. En abril de 2013 sóubose que vendera unha gran parte das súas accións por 2,55 millóns de euros, uns días antes de que se suspendese a cotización de Pescanova, todo iso en plena crise da multinacional, tras destaparse o seu enorme buraco e unha controvertida xestión por parte, principalmente, da súa cabeza visíbel, Manuel Fernández de Sousa.

Paz-Andrade foi director de revísta Industrias Pesqueras, presidente do comité executivo da World Fishing Exhibition e membro de varias asociacións sectoriais de pesca, así como vicepresidente de Mutua Galega, e vicepresidente do Consello de Novacaixagalicia. Tamén foi membro do Consorcio da Zona Franca de Vigo e do Consello do Porto olívico, entre outros cargos.

No ámbito cultural, foi membro do Consello da Cultura Galega, pertenceu á Fundación Castelao e ás fundacións Neira Vilas, Luís Seoane, Fundación Galicia-Europa, Fundación Caixa Galicia e Fundación Sales.

Comentarios