Estudan desde Vilar de Santos as propiedades do sabugueiro

Unha empresa vén de realizar un Plan de Innovación coa axuda de Anfaco e co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Flor do sabugueiro (Carabuñas)
photo_camera Flor do sabugueiro (Carabuñas)

Carabuñas,  unha empresa de Vilar de Santos, realizou unha exhaustiva análise físico-química para determinar a composición das bagas e das flores do sabugueiro cultivado na Galiza (Sambucus nigra).

A iniciativa conta co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Asociación Nacional  de Fabricantes de Conservas (Anfaco) conclúe  que  este  arbusto, tan  habitual  na  paisaxe  galega,  ten un alto contido en compostos fenólicos e que  a  súa  capacidade antioxidante  “é  comparábel  á  doutras  froitas como o maqui  e  incluso  superior  á  proporcionada  polos arandos ou a baga de azaí”, segundo apuntan nun comunicado.

Estas propiedades e á súa accesibilidade, fan que tanto as bagas como as flores do sabugueiro teñan cada vez máis aplicacións, en concreto “en forma de complementos alimenticios, ingredientes nutracéuticos ou como materias primas para a industria farmacéutica”, explican.

Produción artesanal

Desde o 2011 esta microempresa agrolimentaria produce de maneira artesanal unha polpa coas bagas  de  sabugueiro  maduras  e  seleccionadas  previamente  coa  que  elabora  a  súa  liña de produtos centrada nas marmeladas e nos licores de alta calidade e que se comercializa baixo a marca de Carabuñas.

Estes resultados apuntan ao sabugueiro  como un “recurso dun enorme potencial de aproveitamento e o seu  uso  por  parte  de  Carabuñas  está  completamente  aliñado  coa  tendencia observada  no  mercado  a  incorporar  en  alimentos  saudábeis  ingredientes  procedentes de  fontes naturais e con propiedades funcionais”, indican.

As bagas do sabugueiro compóñense, principalmente, de azucres, ácidos orgánicos, antocianinas e quercetinas. Estes dous últimos compostos forman parte do grupo dos flavonoides que proporcionan a esta planta propiedades antioxidantes, antiinflamatorias e inmunoestimulantes.

Plan de innovación

Un dos obxectivos do Plan de innovación  desenvolvido  nos  últimos meses por Carabuñas é favorecer  a  expansión  da  empresa  e  abrirse a novos mercados. Por iso, a  primeira parte do proxecto consistiu na implementación de  protocolos de traballo para a xestión da I+D+i e o seguimento tecnolóxico.

Alén diso, a empresa tamén traballou no desenvolvemento de produtos e procesos coa fin de poñer en valor as  propiedades saudábeis desta materia  prima e a procura  de novas estratexias de diversificación.

Comentarios