O Estado exime as grandes empresas de tributar 158.000 millóns polo Imposto de Sociedades
As grandes corporacións son as principais beneficiadas das bonificacións fiscais do Estado español. Só en 2023 o Executivo eximiu as grandes empresas de tributaren 158.800 millóns de euros en concepto de Imposto sobre Sociedades, que só representa 12,2% da recadación total da Axencia Tributaria.
O Goberno español perdoou ás compañías con domicilio fiscal no Estado 158.800 millóns de euros no exercicio contábel de 2023 mediante diversas bonificacións no Imposto sobre Sociedades. Malia que as empresas suxeitas a este tributo declararon nesa anualidade beneficios por un importe de 294.919 millóns de euros, só se viron obrigadas a tributar polo 55,3% destes, que sumaron 163.119 millóns de euros.
As bonificacións fiscais aplicadas polo Executivo estatal en 2023, último ano con datos, están en liña cos de anteriores exercicios. Así, as empresas obrigadas a tributar polo Imposto sobre Sociedades declararon uns beneficios totais para o período de 2018 a 2023 de 1,62 billóns de euros. Porén, só deberon tributar por 740.096 millóns de euros, perdoándolles o Goberno español nese tempo ás compañías radicadas fiscalmente no Estado 888.671 millóns de euros.
A contía total dos beneficios fiscais outorgados polo Goberno español ás empresas en 2023 equivale a 10,6% Produto Interior Bruto (PIB) do Estado nesa anualidade, que ficou en 1,4 billóns de euros. Ao tempo, as bonificacións aplicadas polo Imposto sobre Sociedades nesa anualidade significaron 10% total da débeda pública española, cuxo volume se situou ao feche do exercicio contábel de 2023 en 1,5 billóns de euros.
As compañías máis favorecidas polas bonificacións ao Imposto sobre Sociedades son aquelas que teñen a consideración legal a efectos fiscais de grupos consolidados e cuxa tributación se realiza conforme ao modelo 220 da Axencia Estatal da Administración Tributaria. Neste grupo inclúense as máis importantes corporacións empresariais do Estado.
Os grupos consolidados presentaron uns beneficios de 161.481 millóns de euros en 2023, que representaron o 54,7% do total dos recoñecidos polas compañías obrigadas a declarar polo Imposto sobre Sociedades. Porén, estas mercantís só deberon tributar á Facenda pública por 56.740 millóns de euros, eximíndoos o Goberno español coas súas bonificacións de declarar por 104.741 millóns de beneficios. Ao tempo, os beneficios fiscais aos grupos consolidados alcanzaron no período de 2018 a 2023 unha cantidade de 815.126 millóns de euros.
O Imposto sobre Sociedades é un tributo proporcional e directo que grava a renda das compañías e demais entidades xurídicas cuxa sede fiscal está emprazada no Estado. O seu tipo impositivo xeral está fixado en 25% para pequenas e grandes empresas, pero este varía entre 30% e 1% en función do tipo de mercantil da que se trate. Neste sentido, os datos achegados pola Facenda española indican que a carga fiscal é maior para as pequenas e medianas empresas (pemes) que para as grandes corporacións.
O tipo efectivo real do Imposto sobre Sociedades está moi por baixo do fixado na normativa. Segundo se recolle no Informe de recadación impositiva da Axencia Estatal da Administración Tributaria de 2023, o tipo efectivo real sobre o Resultado Contábel Positivo do Imposto sobre Sociedades de 2023, último ano con cifras, situouse de media para o total das compañías en 12%, o máis elevado de toda a década.
A carga fiscal é máis reducida no caso dos grandes compañías, que tributan conforme ao modelo 220 e teñen a consideración de grupos consolidados. Así, o tipo efectivo real sobre o Resultado Contábel Positivo do Imposto sobre Sociedades de 2023 fica de media en 7,2%, se ben unha parte destas mercantís tributan a un tipo de 1%.
A presión fiscal sobre as persoas físicas é moito máis elevada que a das empresas. Neste sentido, o tipo efectivo do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), que grava a renda obtida nun ano natural polas persoas residentes no Estado, foi en 2023 de 15,4%, o que representa 3,4 puntos por riba do tipo efectivo do Imposto sobre Sociedades para as empresas e 8,2 puntos por riba do tipo efectivo do Imposto sobre Sociedades fixado para as grandes compañías.
12,2% do 'cesto'tributario total
Os beneficios fiscais aplicados ás empresas suxeitas ao Imposto sobre Sociedades explica que cada día sexa menos relevante este tributo. Se á volta de 2007 achegaba 44.823 millóns de euros e significaba 25,8% da recadación total da Facenda estatal, en 2023 eran só 35.059 millóns (12,2%)
