Os encoros empobrecen a veciñanza dos concellos galegos onde están emprazados

Escala da renda media anual por habitante dos 10 concellos galegos con máis potencia hidráulica (Foto: Nós Diario).
As empresas hidráulicas obtiveron dos ríos galegos uns beneficios de 4.049 millóns de euros entre 2011 e 2020. Só de xaneiro a setembro de 2022, ingresaron dos encoros do país 296 millóns. Porén, a veciñanza das localidades onde están instalados rexistran unhas rendas moi por baixo da media galega.

Nogueira de Ramuín lidera a xeración de electricidade de orixe hidráulica da Galiza. O concello emprazado na Ribeira Sacra suma catro encoros cunha potencia total de 495 megawatts. O máis antigo deles, Santo Estevo, situado no río Sil, data de 1957 e conta cunha capacidade de xeración de 253 megawatts. San Pedro, na mesma conca, rexistra 34 megawatts; Santo Estevo II, 185 megawatts e o último deles, San Pedro II, 23 megawatts. 

O concello perdeu 6.120 habitantes desde a construción da primeira central, pasando de 8.201 persoas en 1950 a 2.081 en 2022 e situándose a renda media anual da súa veciñanza en 13.052 euros, 1.512 euros por baixo da renda media da circunscrición ourensá e 2.811 euros por baixo da renda media galega.

Vilariño de Conso, na comarca de Viana, é o segundo concello galego en produción hidráulica. Conta con dous encoros cunha potencia total de 481 megawatts, sendo o primeiro deles Conso, construído en 1975, e o segundo Soutelo, en 1994. O concello perdeu 1.152 habitantes desde a edificación da primeira central hidráulica, rexistrando 505 residentes en 2022 e cunha renda media da poboación de 8.440 euros anuais. Os ingresos dos residentes desta localidade son 6.121 euros inferior á media da circunscrición e 7.423 euros inferior á renda media galega, situándose no penúltimo posto de Ourense, só por diante de Parada de Sil.

A situación non é mellor en Chantada, cunha potencia hidráulica total de 330 megawatts procedentes dos encoros de Belesar I e II, propiedade de Naturgy, titular dos dereitos da vella Fenosa, compañía que ergueu en 1963 a primeira das centrais, anegando as mellores terras dos municipios de Chantada, Guntín, Paradela, O Páramo, Portomarín, Taboada e O Saviñao. Precisamente, Chantada perdeu o 56% da súa poboación desde 1960, sendo a renda media dos seus habitantes de 13.693 euros anuais, 1.201 euros por baixo da media da circunscrición luguesa e 2.170 euros por baixo da galega.

O río Bibei destaca pola súa gran densidade hidráulica e ao seu paso por Manzaneda, na comarca de Terra de Trives, foi embalsado en 1965, dando orixe ao encoro Ponte de Bibei, cunha potencia de xeración de 313 megawatts. Desde aquela, o concello perdeu 2.289 habitantes, até ficar en 828 en 2022, sendo a renda media anual da súa veciñanza de 11.529 euros. Neste caso, sitúase 3.035 euros por baixo da media da circunscrición ourensá e 4.334 por baixo da galega.

O encoro dos Peares I, emprazado entre Carballedo e Pantón, declara unha potencia instalada de 181 megawatts. Ao tempo, a central Peares II, erguida en 2013, rexistra unha capacidade de xeración de 18 megawatts. A poboación de Carballedo e Pantón tampouco deixou de minguar desde a construción do encoro Peares I en 1955, reducíndose no primeiro municipio en 79,6% e no segundo en 77,3%. A renda dos dous concellos é inferior á renda media da circunscrición de Lugo e da galega, situándose para Carballedo en 12.199 euros e para Pantón en 11.681 euros.

As dúas fases do encoro de Frieira, situadas no concello de Padrenda, comarca de Celanova, suman 177 megawatts. A primeira delas, levantada en 1970, deulle unha volta total ao municipio, que perdeu desde entón as súas mellores terras e 2.833 habitantes. 

Neste caso, a renda media anual da veciñanza é de 9.241 euros, 5.322 euros por baixo da renda media da circunscrición ourensá é 6.622 por baixo da renda media galega.

Un contexto semellante ao largo do mapa 

A situación destes seis concellos repítese na práctica totalidade dos municipios con alta densidade de xeración hidráulica. Así, a renda media anual da veciñanza de Rubiá, na comarca de Valdeorras, é de 13.352 euros. Cunha potencia instalada de 176 megawatts, perdeu 2.714 residentes desde a instalación do primeiro encoro en 1963. 

Outro tanto sucede en Castrelo de Miño, no Ribeiro, cunha capacidade de xeración hidráulica de 135 megawatts e unha renda anual 1.861 euros por baixo da media ourensá e 3.160 euros por baixo da galega. Ou en Dumbría,  na comarca de Fisterra, onde a veciñanza rexistra, tamén, uns ingresos inferiores á media galega e da circunscrición da Coruña.

Unha historia de empobrecemento

Os datos de renda repítense entre os residentes dos 10 primeiros municipios galegos en potencia hidráulica instalada. Unha tendencia análoga a todos os concellos con máis capacidade de xeración hidroeléctrica, onde o empobrecemento da súa poboación é paradigmático.