As empresas galegas salvan o tipo e reducen 9,6% o número de concursos

Pese á caída anual, os concursos de acredores medraron 11% no último trimestre de 2020.
Traballador da hostalaría preparando unha das mesas nunha terraza en Compostela (Foto: Riobó Prada)
photo_camera Traballador da hostalaría preparando unha das mesas nunha terraza en Compostela (Foto: Riobó Prada)

A crise derivada da pandemia pola Covid-19 levou moitos negocios a botar o feche. Outros, afectados por unha forte caída da súa actividade, víronse na obriga de solicitar o concurso de acredores. Con todo, os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), revelan que a cifra de concursos diminuíu o pasado ano 9,6% na Galiza, aínda que no último trimestre experimentaron un forte crecemento, con 11,1% máis concursos de particulares e empresas que no mesmo período de 2019.

En concreto, en 2020 foron 312 as familias e empresas que se declararon en concurso de acredores (suspensión de pagos e quebras) ante a imposibilidade de afrontar os seus pagos e débedas, das que 110 corresponden ao cuarto trimestre do ano.

Eses 110 debedores concursados do último trimestre repartíronse entre 103 procesos voluntarios e sete necesarios. Do total, 52 correspondéronse con persoas físicas sen actividade empresarial e as restantes, con empresas: 12 persoas físicas, dúas sociedades anónimas, 42 sociedades responsabilidades limitadas e dúas doutro tipo.

Por sectores, 15 dedicábanse á construción, 10 eran do comercio, catro de transporte e almacenamento e outras catro de hostalaría. Porén, no conxunto do ano o sector máis afectado polos concursos foi o do comercio con 55 procedementos iniciados, seguido da construción (37 concursos), un sector que, por contra, foi dos que mellor resistiu o golpe da crise na Galiza, 14 en transporte e almacenamento e 10 na hostalaría.

Baixas de traballadores e traballadoras autónomas

Para os traballadores e traballadoras autónomas o ano 2021 comeza case peor de como rematou. Segundo os datos da Seguridade Social, en xaneiro desapareceron 836 negocios autónomos na Galiza, o que sitúa en 25 a media de feches diarios.

A maior parte deses cesamentos de actividade afecta aos sectores máis castigados polas restricións da terceira vaga, como son a hostalaría (bares e restaurantes) e o comercio, con 370 e 309 feches, respectivamente.

Aínda así, a actividade que máis traballadores e traballadoras autónomas perdeu foi o sector primario, con 388 negocios agrícolas menos pola difícil situación económica que atravesan moitas destas explotacións. 

Reparto e reformas

O dato positivo vén novamente da man do ladrillo, con 185 novas altas no sector inmobiliario e 85 na construción, non tanto pola nova promoción de vivendas, que tamén, senón porque o confinamento está a provocar que as reformas na vivenda gañen protagonismo, axudadas tamén pola liñas de financiamento a actuacións de mellora da eficiencia enerxética de vivendas e edificios residenciais.

Tamén chama a atención as 84 novas altas en transporte, un feito que ten que ver tamén co confinamento, xa que a imposibilidade de acceder aos comercios está a disparar as vendas do comercio electrónico, o que leva aparellado un aumento da demanda de servizos de reparto, iso si, con algunhas empresas baixo a sospeita de empregar a figura dos falsos autónomos, como é o caso dos riders.

Comentarios