O embaixador luso prioriza a conexión coa Galiza sobre a de Madrid: "Queremos as dúas comunicacións, mais a prioridade é Vigo"

"Non podemos comezar unha conexión a Madrid sen empezar a comunicación a Porto, onde temos a maior poboación. E despois, a comunicación en Vigo é onde temos a maior conexión entre Portugal e o Estado español", explicou o embaixador luso.
O embaixador de Portugal no Estado español, José Augusto Duarte, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, a pasada segunda feira 1 de setembro. (Foto: Nicolás Satriano)
O embaixador de Portugal no Estado español, José Augusto Duarte, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, esta segunda feira 1 de setembro. (Foto: Nicolás Satriano)

O embaixador de Portugal no Estado español, José Augusto Duarte, na súa primeira visita á Galiza en posesión do cargo, recalcou esta segunda feira que a conexión en tren de alta velocidade entre Vigo e Porto é unha "prioridade" para o país veciño, e sostivo que a data de finalización do proxecto segue sendo entre 2030-2032.

"En Portugal, queremos as comunicacións, necesitamos as dúas [Madrid-Lisboa e Porto-Vigo]. Mais, en termos de prioridade temporal, é Lisboa-Porto e Porto-Vigo", asegurou o diplomático, tras reunirse con representantes da patronal galega en Santiago de Compostela.

Nesta liña, Duarte engadiu que priorizar o Porto-Vigo ten "lóxica", ao tempo en que matizou que en Portugal non teñen "nada en contra de Madrid". Con todo, o embaixador complementou que no norte de Portugal é onde está a maior parte da poboación do país, e por ese motivo dáse prioridade á conexión coa Galiza.

"Non podemos comezar unha conexión a Madrid sen empezar a comunicación a Porto, onde temos a maior poboación. E despois, a comunicación en Vigo é onde temos a maior conexión entre Portugal e o Estado español", explicou o embaixador luso.

"Ninguén se compara coa Galiza"

O embaixador lembrou que Portugal ten unha "enorme conexión co Estado español", do que destacou que "é o principal investidor externo de Portugal". Con todo, engadiu o diplomático, "dentro do Estado español, ninguén se compara coa Galiza" en cuestión de proximidade e lazos.

"É normal porque Galiza é unha rexión dinámica, chea de empresariado e de iniciativa privada, mais tamén de habitantes no norte de Portugal. A zona norte, conxuntamente co Miño, é a máis habitada, xunto con Porto, Braga e Aveiro", explicou o embaixador, que tamén adiantou que "este ano xa se acaban os estudos en Portugal sobre o impacto ambiental" da instalación do AVE, sinalando que as análises son "indispensábeis no sentido legal".

Empresariado "na casa"

Para o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, tamén é evidente que as relacións entre o norte portugués e Galiza son estreitas. O representante da patronal incidiu en que o empresariado de ambas as rexións "está na casa" porque a "a relación entre as organizacións é total".

"Os empresarios galegos atópanse na casa en Portugal, e os portugueses atópanse na casa na Galiza", subliñou Vieites. Nesta liña, trasladou ao embaixador portugués que hai desafíos "que requiren unha acción coordinada e decidida" por ambos os países, e especialmente no tema infraestruturas ferroviarias.

"A liña ferroviaria Vigo-Porto é a gran prioridade. Actualmente, a puntualidade do servizo directo do tren celta cae por baixo do 50% e, desde agosto de 2025, xa non opera de maneira directa, requirindo transbordo en Viana do Castelo", lembrou o presidente da patronal galega.

E esta falta de puntualidade, incidiu Vieites, afecta 15.000 traballadores e traballadoras "que cruzan diariamente a fronteira para traballar", e, ao citar datos da DXT, lembrou que nas dúas primeiras semanas de xullo de 2025 rexistráronse 329.075 desprazamentos por estrada entre Galiza e Portugal.

Comentarios