A electricidade alcanza o seu prezo máis alto no que vai de setembro

O custo da gasolina rexistra o maior nivel de 2023.
O prezo da luz aumenta alcanzou o máximo deste mes de setembro (Foto: Nós Diario).
photo_camera O prezo da luz aumenta alcanzou o máximo deste mes de setembro. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da electricidade para as persoas usuarias de tarifa regulada vinculadas ao mercado almacenista alcanzará hoxe o seu nivel máis alto do mes de setembro, despois de rexistrar unha suba acumulada de 48,24% nas últimas dúas xornadas. Desta forma, a luz chegará até os 123,05 euros por megawatt hora (MWh).

Por horas, o prezo máximo, de 163,77 euros/MWh, rexistrarase entre as 20 e as 22 horas, mentres que o prezo mínimo da xornada darase entre as 12 e as 13 horas, con 98 euros/MWh, segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Así, superarase a cota dos 120 euros/MWh por primeira vez desde o pasado 24 de agosto, cando a electricidade marcou 132,91 euros/MWh de media. Ademais, no que vai de mes, a media do mercado eléctrico supera a cota dos 100 euros por MWh (101,8 euros/MWh). Porén, o custo situase por baixo dos 141,07 euros/MWh que se rexistraron de media no mes de setembro de 2022.

Neste contexto, Facua exixiu esta segunda feira ao Goberno do Estado español que realice unha prórroga das reducións extraordinarias de impostos na factura da luz para 2024, unhas medidas que entraron en vigor en 2022 para facer fronte á crise inflacionista.

A organización de usuarias sinalou que a eliminación das medidas suporía que o recibo "aumente a niveis mesmo superiores aos de antes da aplicación das axudas, castigando aínda máis a prexudicada economía das familias nun contexto no que a inflación non para de aumentar".

Por outra parte, Facua tamén apostou "unha profunda reforma do mercado eléctrico, que pasa por medidas moito máis intervencionistas para pór fin aos abusos nas tarifas e garantir prezos estábeis, accesíbeis e xustos".

Suba dos combustíbeis

O prezo medio dos carburantes proseguiu a pasada semana a súa escalada, encadeando a undécima de subas. Desta forma, o custo da gasolina alcanzou o seu nivel máis alto do ano (1,751 euros por litro), mentres que o gasóleo alcanzou un valor 16% máis alto con respecto ao comezo do mes de xullo (1,668 euros por litro).

Comentarios