O Eixo Atlántico aposta por avanzar na integración económica dentro da Eurorrexión
A asemblea xeral do Eixo Atlántico reunise esta terza feira en Viana do Castelo, na Rexión Norte de Portugal, para aprobar a integración de dous municipios e marcar novas liñas de actuación co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, que suma máis de 6,5 millóns de persoas.
A Casa da Cultura de Viana do Castelo (Rexión Norte de Portugal), acolleu na xornada desta terza feira a XXXIII asemblea xeral do Eixo Atlántico. A entidade, que agrupa 38 concellos galegos e portugueses e dúas deputacións, aproveitou o encontro desta terza feira para aprobar o ingreso das localidades de Betanzos (As Mariñas) e de Vilalba (A Terra Chá). Neste sentido, desde a asociación indicaron que “esta incorporación reforza o camiño cara á igualdade de xénero co incremento da presenza de mulleres no liderado da política local”.
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, sinala a Nós Diario que “a entrada de dúas novas localidades é unha mostra de dinamismo e de que o Eixo segue vivo e segue sendo atractivo”. Neste punto, destacou que “a integración destas cidades ten unha significación especial, por producirse tras a marcha de tres institucións gobernadas polo PP, por orde de Rueda, a quen non lle gustaron unhas declaracións miñas a título particular sobre Altri. Malia a súa saída, o Eixo está forte e é plural .a marxe de falsas polémicas que dan unha imaxe da satrapía de quen preside a Xunta da Galiza”.
A asemblea xeral do Eixo Atlántico serviu para aprobar o orzamento da entidade para 2025, que suma 5,09 millóns de euros. O mesmo permitirá financiar cinco proxectos europeos de distintas liñas, con outros catro en vías de aprobación, na perspectiva de continuar impulsando proxectos de desenvolvemento local entre as localidades galegas e do Norte de Portugal. A este respecto, Vázquez Mao asegura que “este fluxo constante de recursos novos, que se suman aos propios da organización, permitirá reforzar a resiliencia das cidades e a sustentabilidade do territorio da Galiza-Norte de Portugal, Eurorrexión do Eixo Atlántico.
O encontro de Viana do Castelo deu para incorporar a entidade a dous novos eixos de acción. Un deles centrado na sustentabilidade urbana e enmarcado na última fase do Plan de descarbonización, aposta por unha nova estratexia transversal baixo o concepto de “cambio de hábitos” en sintonía cos deseños formulados pola Comisión Europea. Nesta dirección, a proposta aborda temas chave como a redución de residuos, a mellora da calidade do aire, a loita contra o desperdicio de alimentos, a mobilidade sustentábel e a eficiencia enerxética.
A reunión acordou promover nas localidades do Eixo Atlántico a Nova Bauhaus Europea, unha iniciativa impulsada polas autoridades comunitarias que se centra na creación de espazos urbanos máis inclusivos, sociais, verdes e accesíbeis, aliñándose cos obxectivos de sustentabilidade a medio prazo da Unión Europea (UE). Precisamente, este proxecto foi presentado pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, en setembro de 2020 co obxectivo de facer da UE “un líder da economía circular. Pero non se trata simplemente dun proxecto ambiental ou económico: debe tratarse dun novo proxecto cultural para Europa”.
As fortalezas económicas
O desenvolvemento económico da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal pairou sobre a asemblea do Eixo Atlántico. Neste sentido, os e as representantes das localidades galegas e portuguesas presentes no encontro apostaron por avanzar nunha maior integración económica na área, partindo das fortalezas da situación actual. A este respecto, o presidente do Eixo Atlántico e da Cámara Municipal de Viana do Castelo, Luís Nobre, lembrou a Nós Diario que “5% das relacións económicas de Portugal no mundo danse coa Galiza” e que de ser un Estado “sería o quinto socio comercial de Portugal”.
As persoas asistentes ao encontro debateron un informe elaborado polo catedrático da Universidade da Coruña (UDC) Fernando González Laxe e o profesor de Economía na Universidade Católica de Porto Arlindo Cunha, que analizaba a conxuntura económica, demográfica e o comportamento poboacional das cidades da Eurorrexión. O documento, titulado As cidades ante os novos desafíos: apuntes para unha reflexión, ofrece unha análise da situación social e económica da área e ten como obxectivo servir de base as diversas áreas de actuación do Eixo Atlántico.
As conexións ferroviarias
Os responsábeis da entidade amosáronse convencidos de que unha mellora nas comunicacións ferroviarias vai incentivar o proceso de integración e desenvolvemento rexional. A este respecto, Vázquez Mao asegura a Nós Diario que “está todo planificado” entre os Gobernos español e portugués, que “manteñen 2030” como data para a conexión por alta velocidade entre Porto e Vigo, a falta de coñecer o proxecto da saída sur da cidade olívica, previsto para xaneiro de 2025, mais aínda non presentado. Precisamente, o Eixo Atlántico foi a entidade pioneira na reclamación desta infraestrutura chave para a articulación territorial da Eurorrexión.
A Rexión Norte concentra 36% do PIB de Portugal
A Rexión Norte de Portugal é o gran motor económico da nación veciña, cunha poboación de aproximadamente 3,8 millóns de habitantes, dos que ao redor de 1,8 millóns residen na área metropolitana de Porto. Neste sentido, a rexión representa 20% do territorio portugués, 46% da súa poboación e 42% da súa man de obra, até o punto concentrar 36% do produto interior bruto (PIB) de Portugal.
A economía desta rexión mestura industria e servizos, contando cun significado dinamismo exportador sobre o que se asenta o seu crecemento e tamén o de Portugal. Segundo os datos achegados polas autoridades lusas para 2023, últimos publicados, este crecemento representou 40% do total portugués, procedendo da Rexión Norte 45% das exportacións de bens da nación veciña. Neste sentido, unha das súas fortalezas dáse no ámbito da innovación, sendo o emprazamento de importantes centros tecnolóxicos como Critical Techworks.
A Rexión Norte de Portugal é unha grande oportunidade para Galiza. A suma das sinerxías dun e doutro territorio resulta chave para o desenvolvemento económico, apuntando o profesor da área de Economía Aplicada da USC Diego Sande que este modelo “require dunha maior interconexión entre os axentes” da Eurorrexión.

