O 'efecto sede' centraliza en Madrid 680 millóns de investimentos estranxeiros para Galiza

A comunidade concentra máis de dous terzos dos fondos que chegan do estranxeiro ao Estado.
Alfonso Rueda e Isabel Díaz Ayuso, o pasado mes de outubro. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Alfonso Rueda e Isabel Díaz Ayuso, en outubro de 2024. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)

O 'efecto sede' beneficia Madrid un beneficio que obtén en detrimento doutras comunidades. A capital do Estado acolle a sede de miles de empresas e multinacionais que non desenvolven a súa actividade nesta comunidade, senón noutros territorios, como Galiza. Un 'efecto sede' que deixa pegada en diversos aspectos, entre eles o dos investimentos estranxeiros directos (IED). Un estudo académico a cargo dos economistas e profesores da Universidade de Cantabria  Adolfo Maza e María Hierro publicado na revista International Review of Economics & Finance achega evidencias de que o 'efecto sede', por ser Madrid a capital do Estado, é a principal causa de que ao redor de dous terzos do investimento estranxeiro directo se concentre en Madrid... aínda que o destino final dese IED non sexa Madrid.

"Durante as dúas primeiras décadas do século XXI a rexión de Madrid recibiu, redondeando, dous de cada tres euros dos fluxos de IED asentados no Estado español", indican os autores do traballo. En concreto, 65% do total. A razón principal é administrativa, o mencionado 'efecto sede'. E iso ten consecuencias para Galiza na 'centralización' en Madrid de investimentos que si se fan no país.

Sen titulo
 Datos: International Review of Economics & Finance

Así, o estudo recolle que entre 2003 e 2020 Galiza recibiu anualmente, de media, 196 millóns de euros de investimento estranxeiro, o que representa 0,86% do total de IED que chegaba ao Estado. Madrid, pola súa parte, recibiu máis de 15.000 millóns, por riba de 65% do total. Mais, que acontece se se elimina o 'efecto sede' e se estudan eses investimentos en base ao seu destino final e non á sede da multinacional ou empresa que os recibe? Pois que hai unha mudanza substancial, afirma a investigación publicada na revista académica holandesa. De obviar o 'efecto sede', a repartición deses fondos deixa un escenario  ben distinto. Así, Galiza pasaría a recibir entre 2003 e 2020 unha media anual de 881 millóns de euros. 680 millóns máis que sen concorrer este 'efecto sede'. E Madrid pasaría de rexistrar 65% dos IED a apenas 27,6%, superando por pouco Catalunya (25,8%).

Coa contabilidade baseada no  'efecto sede' Madrid é presentada como a gran captadora de investimentos estranxeiros para o conxunto do Estado español, como a comunidade que é o 'motor' a propulsión que permite  a través dos IED que se forneza o desenvolvemento doutros sectores na Galiza, no País Valencià ou en Euskadi. Mais isto, explican Maza e Hierro, non é a realidade en absoluto. Ser capital fai que alí se centralicen fondos  e investimentos, con beneficios para ela de todo tipo —desde o pagamento de impostos polas empresas aos IED—. Mais non logra iso pola súa política económica, senón polo 'efecto sede' ou 'efecto capital'.

Emprego

O estudo tamén indica a distribución rexional, en porcentaxe, do emprego asociado á IED, e Galiza pasou de ter en 2003 un 3,95% do emprego relacionado con estes investimentos a 4,04% en 2020 —último ano analizado por este estudo—. 

O debate sobre o 'efecto sede' non é alleo ao relacionado co número de empresas galegas con sede fiscal fóra do país, que non deixa de incrementarse. Segundo os últimos datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) —en decembro de 2024— , 4.479 persoas físicas e xurídicas con actividade económica na Galiza non tributaron aquí, facéndoo perto de 80% das mesmas na capital do Estado, Madrid.

mapa
 Datos: International Review of Economics & Finance / Mapa: Nós Diario

Os datos fornecidos polo IGE indican que 3.753 destas 4.479 empresas desenvolven a súa actividade no sector servizos. A este respecto, 256 están presentes no ámbito da loxística, 206 na hostalaría, 239 na información e a comunicación, 172 no eido das finanzas e os seguros e até 1.286 no comercio retallista. 

As cifras achegadas polo instituto público apuntan, tamén, que 363 compañías das 4.479 con sede fiscal fóra do noso país operan no sector da industria e da enerxía, dedicándose 265 á industria manufactureira, 51 á xeración eléctrica e 10 á minaría. Nestes dous últimos ámbitos atópanse as principais sociedades do sector con actividade en territorio galego.

Galiza nunca declarou un número tan elevado de empresas con actividade no país e enderezo a efectos tributarios fóra del. Entre 2019 e 2023 abandonaron Galiza 496 empresas, a gran maioría delas con destino a Madrid, que se beneficia da súa condición de capital do Estado para atraer compañías doutros territorios, conforme á dinámica xerada polo denominado 'efecto sede', que explica o impacto derivado da concentración de sedes en grandes áreas. 

O complexo industrial galego é un exemplo paradigmático desta situación. Así, a factoría de aluminio e alumina do grupo Alcoa en San Cibrao (Cervo, A Mariña), único centro de traballo desta multinacional no Estado, con máis de 1.000 persoas empregadas de forma directa e indirecta e un consumo eléctrico que representa perto de 23% do total da Galiza, paga os seus impostos en Madrid, onde a compañía ten a súa sede fiscal.

Comentarios