Edelmiro López Iglesias e Xoán Carmona Badía: "Nas décadas recentes a economía galega é máis industrial que a española e isto reforzouse, ademais, no que levamos de século"
Edelmiro López Iglesias, profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia Económica da USC, son os autores de A industria onte e hoxe, o cuarto libro da colección de dez volumes 'A Riqueza da Galiza 2025', coa que Nós Diario celebra o seu quinto aniversario neste ano. O volume chegará a partir da vindeira semana aos fogares das persoas subscritoras que o solicitaran.
—Ao primeiro, no principio da era industrial, foi o mar, a pesca e a industria da pesca. Viñeron industrializarnos?
Non, que xa o facíamos nós sós. Hai un tópico moi espallado, que é o de que a industria fabril trouxérona á Galiza os denominados fomentadores cataláns, pero non é senón iso, un tópico. Certo que a remates do século XVIII chegaron un amplo grupo de comerciantes daquela orixe que impulsaron un determinado modelo de negocio na salga da sardiña fronte ao que existía aquí. Hai que sinalar que eran dous modelos de negocio adaptados aos mercados aos que se dirixían e non un modelo moderno fronte a outro antigo.
Os cambios económicos e políticos favoreceron o modelo que primaba o mercado mediterráneo, e con este obxectivo traballaron tanto empresarios cataláns como galegos estabelecidos nas nosas costas durante o século XIX. Pero no que foi propiamente a industria moderna, a das conservas herméticas de peixe e o complexo industrial estabelecido ao seu redor en torno ao ano 1900, os axentes industrializadores foron moi maioritariamente nados na Galiza, non só na beiramar senón tamén en Sarria, Dacón ou O Carballiño.
O pequeno grupo de descendentes de cataláns que participou neste proceso naceran igualmente na Galiza; os nados en Catalunya foran os seus avós ou bisavós.
—Hoxe tamén hai industria da pesca, moi dinámica. Que outras consideran o núcleo duro da nosa industria?
A industria galega concéntrase hoxe principalmente en catro grupos de ramas ou cadeas produtivas, que achegan a gran maioría da produción e o emprego industrial: a industria metalmecánica (automoción, produtos metálicos, construción naval,...), a industria da alimentación e bebidas, a de derivados da madeira e, a bastante distancia, a confección.
Se falamos en termos relativos respecto ao conxunto do Estado, somos especialmente fortes e temos unha maior especialización nos derivados da pesca, na industria da madeira, na fabricación de vehículos a motor e na confección.
—Logo somos unha economía industrial?
Fronte ao que seguramente continúa instalado no imaxinario colectivo, na Galiza e no resto do Estado, nas décadas recentes a economía galega é máis industrial que a española e isto reforzouse, ademais, no que levamos de século XXI. É certo que nos últimos 25 anos o sector perdeu algo de peso na economía galega, mais moito menos que no conxunto do Estado o que reforzou a nosa especialización industrial no contexto estatal. Xunto con Nafarroa, A Rioja e Euskadi, actualmente facemos parte do grupo de economías máis industrializadas de España; somos unha economía cun peso industrial medio-alto no contexto estatal.
A consolidación desa especialización industrial acompañouse, ademais, dunha mellora notábel da produtividade do traballo, até o punto de que esta produtividade alcanza hoxe a media do sector no Estado. O reto para o futuro é facer compatíbeis as melloras da produtividade coa xeración de emprego no sector.
"Producimos máis do que consumimos e investimos"
—E a capacidade exportadora? É característica de toda a industria?
No referido ao comercio exterior, fronte ao que sucedía dúas décadas atrás, hoxe Galiza produce un volume de bens e servizos superior á demanda interna; producimos máis do que consumimos e investimos. E a base principal desa evolución estivo no dinamismo das exportacións de produtos industriais aos mercados internacionais.
Como matiz a ese balance favorábel está o feito de que a metade das nosas exportacións de bens fóra do Estado concéntranse en dous capítulos, vehículos de motor e confección, seguidos a bastante distancia pola industria da alimentación, principalmente conservas de peixe. En cambio, somos en xeral importadores netos de produtos industriais de maior nivel tecnolóxico e algo realmente sorprendente: tamén temos un déficit comercial nos produtos agrarios e os seus derivados.
—Non houbo política económica industrial autonómica e o investimento público industrial carece de vida, e non obstante, hai aforro galego. Que se precisaría para canalizalo na Galiza?
Como indicamos no documento, na última década asistimos a unha situación paradoxal e preocupante: a economía galega mantén unha baixa taxa de investimento, ao tempo que parte do aforro sae para financiar investimentos noutros territorios.
Para corrixir esta situación precisamos, a nivel xeral, dúas cousas: o impulso dos investimentos produtivos a través dunha verdadeira política industrial; e contar con novos instrumentos que canalicen o aforro galego cara eses proxectos empresariais. A política industrial conta na Galiza con varios organismos, que en moitos casos teñen ademais excelentes profesionais. Pero dá a sensación de que estes organismos foron nacendo dun xeito desordenado, por impulsos, e están desaproveitados porque, en realidade, non existe unha política industrial coherente.
É difícil de explicar, por exemplo, que nos últimos meses a Xunta da Galiza estea promovendo como iniciativa prioritaria un proxecto industrial que afondaría nunha cadea forestal centrada na produción de materias primas e na primeira transformación, pouco creador de emprego e con importantes riscos para outras actividades económicas.
Prestando máis atención a iso que a toda gama de pequenas e medianas empresas que están agromando en sectores innovadores e de gran potencial en termos de ocupación.